O Cunqueiro dispoñerá nunhas semanas do quirófano "máis avanzado de España"
Será usado para cirurxía vascular e cardíaca. Feijóo promete outro quirófano híbrido coma este para o hospital da Coruña.
Quirófano híbrido do Cunqueiro. Foto: Xunta
O presidente da Xunta, acompañado polo conselleiro de Sanidade, visitou este martes o quirófano híbrido que se poñerá en funcionamento, en próximas semanas, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e que é o primeiro destas características que funcionará en España, e un dos primeiros de Europa.
Así o destacou o presidente tras a visita, e lembrou que estas novas instalacións permitirán levar a cabo cirurxías "máis rápidas, máis seguras e menos invasivas". "Estamos a falar do quirófano máis complexo e avanzado dos que hai en España", sinalou Ñúñez Feijóo, quen lembrou que este quirófano será utilizado polos servizos de cirurxía vascular, cirurxía cardíaca e anestesioloxía.
O presidente galego explicou que as instalacións permiten mellorar a calidade da atención e axudar os profesionais nas intervencións, xa que a calidade de imaxe que ofrecen os seus equipos portátiles é sete veces mellor que a dos convencionais.
Así, os cirurxiáns poden recibir imaxes tridimensionales nunha pantalla panorámica, realizar un mapa dinámico do sistema circulatorio do paciente e combinar imaxe radiolóxica con outras obtidas por escáner, ultrasons ou resonancia magnética.
OUTRO PARA A Coruña
"Alégrame especialmente que se poña en marcha en Vigo", manifestou o presidente da Xunta, quen confirmou que, en próximas datas, o complexo hospitalario da Coruña contará con outro quirófano híbrido.
Núñez Feijóo reivindicou ao Hospital Álvaro Cunqueiro como "o máis completo que nunca fixo o Servizo Galego de Saúde", e "un dos máis importantes de España", tal e como reflicten os profesionais e os propios pacientes, que dan unha nota "moi sobresaliente" á atención recibida.
Escribe o teu comentario