As unidades de neonatoloxía e paliativos do Chuvi, "desbordadas"

Tanto no Meixoeiro coma no Álvaro Cunqueiro, as profesionais de enfermería atenden a máis pacientes co mesmo persoal.


|

NeonatoincubadoraEnfermeiras e Sergas discrepan nos cocientes.

Sindicatos denunciaron que no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) hai falta de persoal nas unidades de neonatoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, e na de paliativos do Hospital do Meixoeiro, onde os profesionais traballan "por encima dos cocientes establecidos".


En concreto, o Sindicato de Enfermería Satse manifestou que os profesionais están "desbordados" por unha situación que cualifican de "caótica" e "insustentable", posto que despois da reestruturación do persoal, cada enfermeira "está a atender a tres, catro e, en ocasións, mesmo a cinco recén nacidos" cando debería ser unha por cada 1-2 pacientes.


Trátase dunha situación que se prolonga "desde que se aumentou a capacidade da unidade con respecto á que había no antigo hospital Xeral (de 8 a 16 incubadoras en UCI neonatal), pero non a dotación de recursos humanos nin económicos, que, pola contra, diminuíu".


"Esiximos que se solucione xa o problema, aumentando o persoal para evitar feitos dramáticos coma os acaecidos en unidades de neonatoloxía doutros hospitais", mantivo a delegada de Satse en Vigo, Malules Carbajo, que incidiu en que esta situación xa foi comunicada á Xerencia sen que houbese cambios.


No mesmo sentido pronunciouse a CIG, que apuntou que a actual situación dos profesionais de enfermería "non é máis que froito das políticas de contratación do Sergas", e criticou que a dirección, "buscando o aforro", deixe os profesionais nas listas de contratación "nunha situación laboral precaria".


"A política que os responsables están a levar a cabo está a desencadear situacións perigosas para a saúde pública", mantivo o sindicato nacionalista, que esixiu que os cadros de persoal sexan "acordes non só ao nivel de ocupación baseado en estatísticas, senón ás potenciais necesidades da área sanitaria", dar "maior estabilidade laboral" ao persoal eventual e cubrir as vacantes.


UNIDADE DE PALIATIVOS


No relativo á unidade de paliativos do Hospital do Meixoeiro, a Federación de Sanidade de CC.OO., denunciou que o persoal está a afrontar o incremento de pacientes "sen que a dirección do centro cumpra o compromiso de reforzar o persoal".


Tal e como manifestou nun comunicado, danse casos en que unha soa auxiliar de enfermería ten que atender a 23 pacientes nunha quenda de noite; ademais, como a lista de persoal para contratacións se esgota nos meses de xullo e agosto, "a dirección denega os permisos neste período ao persoal".


"Esta situación está a provocar a sobrecarga do persoal da unidade e o malestar dos familiares dos pacientes", aseverou o sindicato, que ante todo iso reclamou á dirección do Chuvi "que cumpra o seu compromiso dándolle solución á situación de falta de persoal", así como que estabilice o emprego cunha OPE que cubra as prazas estruturais.


O SERGAS DEFENDE OS SEUS COCIENTES


O Servizo Galego de Saúde defendeu que a unidade de neonatoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo cumpre os cocientes de persoal establecidos de acordo co número de pacientes ingresados, e de feito engadiu que o persoal "é similar ao resto de unidades destas características na comunidade autónoma e no resto do Estado".


Así, en resposta ás denuncias realizadas este mesmo martes polo Sindicato de Enfermería Satse, manifestou que esta unidade hospitalaria dispón de 53 efectivos de enfermería --28 enfermeiras e 25 auxiliares--, "constituíndo un dos maiores cadros de persoal de enfermería de toda a comunidade autónoma".


A continuación, trasladou que a ocupación media da unidade é do 58%, e, aínda que recoñeceu que nas últimas dúas semanas houbo un incremento no ingreso de neonatos, indicou que só se chegou "a un 70% da súa capacidade, sen alcanzar a máxima ocupación", e en todo caso mantivo que ante iso se reforzou o persoal en determinadas quendas.


Neste contexto, o Sergas, que sinalou que se abriu unha canle de comunicación específica para os pais dos nenos ingresados nesta unidade, trasladou a súa "indignación" polo "uso de datos erróneos", "buscando só deteriorar a imaxe da sanidade pública e crear alarma entre a poboación" e os pais.

relacionada Persoal do Chuvi: "Queremos un hospital digno e dar calidade como fixemos sempre"
relacionada CCOO denuncia que hai "medio" Meixoeiro pechado, e o Sergas alega que as necesidades están "cubertas"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE