O Cunqueiro reforma os boxes de Urxencias polas peticións dos usuarios
O hospital vigués reordenou os espazos e delimitounos para gardar a intimidade dos pacientes.
Boxes reformados no HAC.
O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo adaptou a área de boxes do seu servizo de Urxencias, de forma que reordenou e delimitou a superficie espacial para mellorar a intimidade dos pacientes e as condicións de traballo do persoal.
A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo agradeceu a todo o persoal do servizo a súa colaboración neste proceso, "xa que grazas ao seu apoio e implicación absoluta foi posible a execución desta actuación coas máximas garantías, nun tempo récord e sen ningún impacto organizativo ou asistencial".
A optimización desta zona, que se estreou este mesmo luns, enmárcase no Plan de Mellora e Escoita Activa posto en marcha pola EOXI de Vigo, polo que se recollen opinións dos usuarios para introducir melloras nos distintos servizos.
Unha vez concluída a primeira fase do proxecto global de melloras en Urxencias valoraranse novas propostas para seguir adaptando o servizo, destacou o Sergas, que subliñou que esta área tamén experimentou "importantes incrementos dotacionais", con 30 profesionais máis tras a unificación das Urxencias do Xeral e o Meixoeiro.
Escribe o teu comentario