Precariedade laboral, reforma sanitaria e Meirás, temas pendentes do Parlamento
Feijóo responderá á oposición a próxima semana, tras o intento frustrado dun pleno extraordinario en agosto.
Reunión dos portavoces do Parlamento.
O primeiro pleno tras o período estival, que terá lugar a semana próxima, será o escenario no que o presidente da Xunta deba responder os grupos da oposición sobre cuestións tan diversas como a precariedade existente no mercado laboral, a supresión das áreas sanitarias e a situación do Pazo de Meirás.
En concreto, sobre o primeiro aspecto interpelará ao mandatario autonómico o portavoz de En Marea, Luís Villares, quen subliñou --en rolda de prensa ao termo da reunión para fixar a orde do día da sesión plenaria-- que Galicia ten "a maior taxa de mortalidade laboral" de España debido ao seu alto nivel de "precariedade".
Na quenda dos socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga abordará a supresión de catro áreas sanitarias ao amparo do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde. "É unha mala noticia", remarcou o portavoz do PSdeG no Pazo do Hórreo. Precisamente para tratar ese asunto, toda a oposición pediu a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, pero topou coa negativa do PPdeG.
Pola súa banda, o BNG, como avanzou a súa máxima responsable, Ana Pontón, pedirá ao xefe do Executivo galego que "impida" que a Fundación Francisco Franco converta o Pazo de Meirás nun "parque temático do franquismo" facendo apoloxía do réxime ditatorial, e que promova a "ilegalización" desa entidade.
Á marxe destes asuntos, no pleno tamén se debaterán tres proposicións de lei de PP, PSdeG e BNG, sobre o fomento das iniciativas empresariais, para reformar a norma que rexe a CRTVG e en relación ao sistema de financiamento. Ademais, acudirá á Cámara o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, para informar de medidas pensadas para os autónomos.
Escribe o teu comentario