A CIG denuncia que lle aplicaron a 'Lei Mordaza' nunha visita da raíña Letizia
O sindicato recibiu unha multa de 300 euros por unha protesta nun instituto no arranque do curso o ano pasado.
Imaxe da concentración ante o instituto.
A Delegación do Goberno comunicou unha multa de 300 euros á CIG-Ensino por unha manifestación coincidindo coa inauguración do curso académico de FP, celebrado o pasado exercicio en Mondoñedo, ao que asistían a raíña Letizia, o ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo, ou o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O acto tivo lugar no IES San Rosendo de Mondoñedo, o pasado 4 de outubro de 2016, e o sindicato celebrou unha concentración ante o inmoble para denunciar os recortes educativos e esixir a paralización da Lomce e as 'reválidas'.
"Durante o transcurso do acto de protesta -relata o sindicato- foron permanentes os impedimentos que se puxeron para poder exercer a liberdade de expresión", denunciou a CIG, nun comunicado.
Así, esgrimindo a 'Lei Mordaza', "o instrumento ideado polo PP para o control antidemocrático das loitas contra as restricións de dereitos e contra as mobilizacións que desatenden as ordes de someterse obedientemente", os efectivos despregados no lugar cambiaron de sitio as persoas que alí protestaban e identificáronas a todas.
Un ano despois, o sindicato recibiu unha comunicación de sanción pola citada protesta e acusou ao Executivo 'popular' de tentar "presionar" e "silenciar" as críticas á Lomce e os "ataques ao ensino público".
"Nin nos calaron antes nin nos van a calar agora. Non con provocacións nin con sancións. Seguiremos loitando coa mesma firmeza e coa mesma contundencia", advertiron.
A maiores, pediron aos deputados da oposición do Congreso, que se comprometeron no seu día a traballar para derrogar tanto a Lomce e a Lei Mordaza, "apliquen algo desa contundencia", lembrando que pasou "máis dun ano" desde as eleccións que situaron ao PP en minoría no a cámara.
Escribe o teu comentario