Baixa o paro timidamente en Galicia mentres sobe en España
A nivel estatal, a cifra de persoas que quedou sen emprego coa fin do verán é similar á dos últimos oito anos.
Galicia é unha das sete autonomías onde o paro baixou no mes de agosto, con 746 desempregados menos rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (un 0,41% de baixada), segundo informou este luns o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Xunto a Galicia, as comunidades autónomas que experimentaron unha baixada do paro máis importante son Canarias (-850) e Cantabria (-831). Pola contra, a nivel estatal, o paro sobe en 46.400 persoas en agosto coa fin do verán e tras seis meses consecutivos á baixa.
No últimos oito anos neste mesmo mes o paro rexistrado aumentara en 44.063 persoas. Desta forma, a cifra total de parados rexistrados sitúase en 3.382.324 persoas, o seu nivel máis baixo do últimos oito anos, segundo o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
SEGURIDADE SOCIAL
O número de afiliados á Seguridade Social aumentou en agosto en Galicia un 0,23%, con 2.293 ocupados máis, segundo informou este luns o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Pola contra, a nivel estatal, a Seguridade Social perdeu en agosto unha media de 179.485 afiliados (-0,97%) respecto ao mes anterior, o que situou o número de ocupados en 18.309.844 cotizantes.
Por comunidades autónomas, o número de afiliados creceu tamén en Cantabria, con 2.017 (0,93%); Canarias, con 1.587 (0,21%); Asturias, con 852 afiliados máis (0,23%) e na Cidade Autónoma de Ceuta, con 12 ocupados (0,06%). Os maiores descensos, pola contra, foron en Cataluña, con 59.363 ocupados menos (-1,77%) e Madrid, con 35.045 baixas (- 1,17%).
Escribe o teu comentario