Çolak: "Pepe Mel estaba moi enfadado" tras o empate do Levante
O xogador cre que o Dépor ten "mellor equipo que o ano pasado", aínda que Lucas Pérez "melloraríanos moito".
Encaixar o 2-2 ante o Levante despois da vantaxe de dous goles non gustou a ninguén no Dépor. Ante os medios de comunicación, Emre Çolak recoñeceu que "o adestrador estaba moi enfadado, coma todos nós, porque non é fácil meter dous goles fóra da casa".
Na análise que fixeron tras o partido viron que co resultado a favor "defendemos moito, repregámonos, non podemos entender por que e falamos dese tema".
Ademais, o turco explicou que "non puidemos ter o balón, eles tocaban máis. Se lembro ben, eu toquei o balón dúas ou tres veces".
A pesar de como se desenvolveu o encontro Çolak cre que o Dépor ten "mellor equipo que o ano pasado", porque se coñecen máis, dentro e fóra do campo. "A diferenza son as novas fichaxes, especialmente desde Fede Cartabia a Valverde, Bakkali, Adrián. Eses xogadores novos van marcar a diferenza", contou.
Con todo, considera que Lucas Pérez supoñería un salto importante. Do dianteiro coruñés destacou que "é un xogador que coñece a liga, ten moita calidade e axudaríanos moitísimo. Se volve, axudaríame tamén moito a min, ao meu xogo. Melloraríanos moito".
Escribe o teu comentario