Pepe Mel: "Se Emre dá o que lle dixen, de nove partidos vai xogar nove"
O adestrador deportivista resalta a importancia do choque contra o Granada, "marcado en vermello" xunto ao do Sporting cando chegou.
As derrotas ante Celta e Valencia fixeron aparecer murmurios na afección deportivista que piden máis presenza para xogadores que achegan un plus de dinamismo ao equipo como o caso de Emre Çolak. A el referiuse Pepe Mel en sala de prensa este martes. "Emre é un xogador que ten por diante nove partidos para demostrar moitas cousas e para axudarnos moito", asegurou tras o adestramento.
O adestrador herculino revelou que tivo unha "reunión" con Çolak in un intérprete na que tratou de explicarlle o que quería del. "Díxenlle o que esperaba del e se é capaz de dalo, de nove partidos vai xogar nove", indicou. "Cando temos a pelota, atacan todos, desde Poroto. Pero cando non a temos, deben defender tamén os once. Co sacrificio que dixo o adestrador. E el entendeuno perfectamente", remachou.
Na rolda de prensa saíron outros dous nomes destacados. No caso de Marlos Moreno, Pepe Mel espera que o colombiano participe nas próximas xornadas, porque "temos que buscar futbolistas que fagan desmarques que rompan defensas, que vaian cara á portería rival. Marlos pódenos dar iso, pode ser un futbolista crucial neste final de tempada", explicou.
Evitou, ademais, sinalar a Fayçal Fajr por fallar o penalti de Valencia. "É imposible meter un penalti se o porteiro che gaña tres metros antes de que ti dispares, dá igual quen o tirase, fallouno igual", comentou.
Sobre o encontro de mañá, recoñeceu que "será un partido importante desde o inicio" e insistiu en que "cando eu cheguei aquí había dous partidos marcados en vermello, un era contra o Sporting no Molinón e o outro é este". Aínda así, rexeita entendelo como unha final, "se cadra para o rival si. Por tanto, ten moito perigo o partido, pedinlle aos meus futbolistas igualar a intensidade. A intensidade que poña o Granada temos que igualala como mínimo", destacou.
Escribe o teu comentario