Leiceaga vese o candidato máis capaz de integrar as sensibilidades do PSdeG

"O tempo do conflito cainita interno acabou", sentenza. Se o partido quere volver á Xunta, o seu plan pasa por afianzar gobernos municipais "sólidos".


|

Leiceagaparlescano


A necesidade de "recompoñer" o PSdeG, a importancia de "integrar todas as sensibilidades" que coexisten no partido e a urxencia de dotar a formación dun "liderado social" figuran entre os motivos que levaron a Xoaquín Fernández Leiceaga a dar o paso de presentarse ás primarias para converterse no oitavo secretario xeral dos socialistas galegos.


No seu ánimo está, como el mesmo expuxo nunha entrevista concedida a Europa Press, deseñar "un PSOE forte en Galicia", con "unidade" e "estabilidade" nas súas filas.


"Esa idea de integrar as distintas sensibilidades do partido a min gústame moito. E o tempo do conflito cainita interno xa acabou", sentencia quen agora mesmo exerce a portavocía parlamentaria do PSdeG, convencido de que, agora que "o partido en Madrid definiu un rumbo e unha posición" da man de Pedro Sánchez, "todos" deben "construír a partir de aí".


UNIDADE PARA SER ALTERNATIVA


Así, mentres esgrime a "unidade" que se logrou entre os 14 deputados que conforman o grupo que capitanea no Pazo do Hórreo, avanza que "non tería ningún problema en incorporar" ao seu proxecto "con algunha responsabilidade" os seus opoñentes nas primarias.


Precisamente, ao vigués Gonzalo Caballero definiuno como "unha persoa coñecida" no PSdeG, pois xa concorreu a distintos procesos orgánicos (incluídas as primarias para ser candidato á Xunta que gañou Leiceaga). "Un clásico no partido", resumiu, mentres ao coruñés Juan Díaz Villoslada, a quen coñece "menos", cualificouno como "un deputado moi razoable".


"Do que se trata é de construír unha alternativa de goberno viable ao PP", explica. E nesa liña reflexionou sobre o "desequilibrio excesivo" que supón que leven 30 dos 36 anos de autonomía gobernando Galicia.


"RECUPERAR ESPAZO POLÍTICO"


"Unha parte é responsabilidade, sen dúbida, da esquerda", asumiu, antes de poñer o foco nas claves para poder aspirar a disputar a hexemonía a un PP que está "moi forte" e que está a aplicar "unhas políticas moi lesivas para a cidadanía".


Pensando en primeiro lugar na primeira cita coas urnas que se presenta, os comicios locais de 2019, Leiceaga apelou a "organizar" o partido "de forma potente" para afrontar estas eleccións con "unha oferta competitiva e razoable".


"Temos que recuperar espazo político... recuperar os apoios en contornas urbanas, profesionais e mozos que perdemos nos últimos tempos", receitou.


A seguinte pata do plan de Leiceaga para reconquistar San Caetano reside na necesidade de "crear espazos de goberno sólidos, que funcionen ben" con outras forzas políticas que compartan "valores e políticas" cos socialistas.


"Se queremos ser alternativa ao PP, temos que ser capaces de atraer, como fixemos no pasado, tanto ao BNG como a En Marea a colaborar co noso proxecto", ratificou, antes de cualificar de "boas" as relacións con ambas as forzas no Parlamento.


Non calibrou se o seu labor parlamentario do último ano --que foi cuestionado pola propia Pilar Cancela-- lle beneficiará ou lle prexudicará nas súas aspiracións, nin tampouco o impacto dos malos resultados electorais que colleitou o pasado mes de setembro.


"O Partido Socialista leva tendo malos resultados desde 2011", evidenciou, antes de sinalar que os afiliados haberán de votar pensando "quen é capaz de facer compatible o liderado orgánico e o liderado social".


"UN SENADO INFORMAL"


"Concentrado en gañar as primarias", non tivo tempo aínda para comezar a perfilar a súa executiva, pero si pensou que os ex presidentes, do mesmo xeito que outras persoas "relevantes" relacionadas co partido, deben ter canles para facer achegas.


Por tanto, esbozou a posibilidade de crear "unha especie de senado informal" para recibir as súas propostas, á vez que se mostrou partidario de "institucionalizar" reunións periódicas cos ex mandatarios para aproveitar "o seu coñecemento e o seu traballo previo".


Ao fío diso, Leiceaga destacou o labor de Emilio Pérez Touriño, quen se fixo coas rendas do PSdeG "nunha situación moi parecida á que ten hoxe" e conseguiu alcanzar o Goberno galego.


"Se fósemos capaces de recuperar o partido ao nivel da etapa de Touriño no próximos catro anos, eu xa me daría por satisfeito", resolveu quen fose un dos seus principais colaboradores.


relacionada Gonzalo Caballero acusa a xestora do PSdeG de exceder as súas competencias
relacionada Leiceaga e Villoslada piden "xogo limpo" na carreira por liderar o PSdeG
relacionada Leiceaga descarta un pacto entre candidatos a estas alturas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE