Un mesmo pleno para aprobar os orzamentos de 2017 e 2018 de Ferrol
Jorge Suárez descarta "anticipar ningunha data, porque logo pasa o que pasa", pero pretende que sexa canto antes.
Pleno do Concello de Ferrol.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, asegurou que o seu executivo baralla "levar a unha mesma sesión plenaria os orzamentos deste ano 2017 e os do 2018", en base ao obxectivo de "salvar a oferta de emprego público e incrementar o cadro de persoal do Concello de Ferrol".
De todas as maneiras, o rexedor de Ferrol en Común non quixo "anticipar ningunha data, porque logo pasa o que pasa, pero trataremos de aprobalos o máis rápido posible".
Jorge Suárez asegurou que o seu goberno traballa "sobre un documento base do que se deu traslado á oposición, para que fixesen as súas achegas a este borrador, non realizándose ningunha proposta, a pesar de que se lles instou a iso".
En canto ao capítulo 1 deste proxecto de contas, referente a persoal, o alcalde de Ferrol asegurou que "está o suficientemente traballado como para recoller as novas disposicións na Lei de Orzamentos Xeral do Estado e que permite aumentar o cadro de persoal do Concello", xa que, desde o seu punto de vista, "vai propiciar un acordo coas organizacións sindicais".
Con todo, non ofrece unha cifra en canto ao número de postos a cubrir, "pero si para poder contratar en determinados departamentos, como Benestar Social, Estatística ou Biblioteca".
INSTALACIÓN DE ESCENARIO
O alcalde de Ferrol tamén catalogou como de "cuestión menor", a preguntas dos medios de comunicación, a denuncia formulada o pasado martes, 22 de agosto, polo grupo municipal do Partido Popular, que nunha mesa de contratación aseguraba, con documentación gráfica, que uno dos contratos levados á mesma, de instalacións de infraestruturas para as festas, xa se executaba desde o día anterior.
"Abriuse unha investigación", asegurou o rexedor ferrolán, que abundou que "a empresa era a única que podía optar ao contrato, tiña toda a documentación en regra e só faltaba un acto administrativo". "Por tanto, non creo que teña a maior importancia", dixo, para incidir en que "non houbo ningunha orde nin política nin de técnico funcionario para empezar a instalación e por iso é algo menor".
Ademais, Suárez asegurou que en caso de existir sancións a única imputable "podería ser á empresa, por ocupar un espazo público de maneira irregular".
Escribe o teu comentario