Jorge Suárez declara no xulgado pola retirada de dedicacións exclusivas
O alcalde de Ferrol recrimina a PSOE e PP o seu "pacto da vergoña" polo que a oposición duplica en dedicacións exclusivas ao goberno.
Jorge Suárez recrimina un "pacto da vergoña".
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, declarou na mañá deste xoves no Xulgado do Contencioso Administrativo pola demanda do goberno local contra a retirada de dedicacións exclusivas. Á súa saída da vista, o rexedor afirmou que "este xuízo non ten motivacións económicas, senón políticas" e reprochou o "pacto da vergoña" a socialistas e populares.
Así, Suárez asegurou que a pinza PSOE e PP para retirar a dedicación exclusiva á concelleira de Urbanismo, María Ferández Lemos, foi "un pacto da vergoña".
Un acordo co que o PSOE, afirmou Suárez, "quería unicamente castigar a dúas persoas" --as concelleiras non adscrtitas María Fernández Lemos e Rosa Méndez-- e "o PP ante a tesitura de ter dous salarios máis non ía dicir que non", sentenciou o rexedor.
O goberno local reivindica "poder desenvolver con normalidade" o seu "traballo diario", abundou o alcalde, que se ve seriamente afectado ao contar o equipo de goberno con tres dedicacións exclusivas, máis a do alcalde, e oito a oposición. É por iso que reclaman con esta demanda "unha repartición equilibrada das dedicacións", sinalou Suárez.
"INSÓLITO"
Considera o alcalde que a repartición actual é "máis que surrealista" e cualifícao de "insólito". Nesta práctica de proba tamén declararon como testemuñas a portavoz de Ciudadanos, Ana Rodríguez Masafret; o portavoz do BNG, Iván Rivas, e a concelleira non adscrita Rosa Méndez, edil de Patrimonio Histórico e Medio Rural. Ademais, todos os edís do goberno local asistiron á vista.
Agora ábrese un período de dez días para que os avogados poidan presentar as súas conclusións e a xuíza pode pedir máis probas sobre este asunto. PSOE e PP non compareceron na causa.
Escribe o teu comentario