UGT suspende a folga de seguridade en Santiago a pesar de non chegar a acordo
A negociación entre o sindicato e Prosegur non deu froitos, pero os atentados cambian a situación.
Aeroporto de Lavacolla.
UGT suspendeu os paros parciais convocados por vixiantes de seguridade do aeroporto de Santiago a partir do 20 de agosto tras o atentado terrorista de Barcelona, a pesar de que na reunión con Prosegur non se chegou a un acordo.
O sindicato sinala que "ante a situación derivada do atentado terrorista, todos os equipos de seguridade deben estar a funcionar ao completo, dada a condición de infraestrutura crítica que representa un aeroporto e o estado de alerta no que se atopa o país".
En concreto, suspende os paros ata o vindeiro venres. UGT tamén suspendeu os paros no aeroporto da Coruña, nese caso ata o 20 de setembro.
Na reunión do xoves, a empresa ofertou constituír unha comisión negociadora para tratar os temas obxecto de convocatoria da folga, ampliar a un máximo de catro horas os reforzos, aceptar para 2018 a negociación de tres días de vacacións de libre disposición, así como levar á patronal Aproser a reivindicación de incluír un plus aeroportuario na negociación colectiva estatal.
Con todo, UGT critica que Prosegur "non garantiu" o abono do aparcadoiro que soporta o persoal, algo que resulta "irrenunciable" para os traballadores.
Escribe o teu comentario