EU sinala a entrada de Rey Varela ao consello de Reganosa como "porta xiratoria"
Esquerda Unida carga contra "unha instalación ilegal, contaminante e perigosa" que conta co aval do goberno de Feijóo.
Simulacro en Reganosa. Foto: Xunta
Esquerda Unida (EU) denunciou este mércores a "porta xiratoria" do actual conselleiro de Política Social e ex rexedor ferrolán, Jose Manuel Rey Varela, xa que se incorporou ao consello de administración da empresa Reganosa, situada en Ferrol.
Nun comunicado remitido aos medios, EU explicou que, segundo recolle o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil do 14 de agosto deste mesmo ano, Rey Varela foi nomeado para o consello de administración de Reganosa, o que, ao seu xuízo, "é unha proba do bo funcionamento das portas xiratorias que o Partido Popular (PP) pon en marcha".
Do mesmo xeito, criticou que esta incorporación se levou " a cabo durante o período estival" e denunciou o "negocio turbio", froito da "corrupción política", por medio do cal se construíu esta planta.
"Reganosa segue sendo unha instalación ilegal, contaminante e perigosa que naceu froito da corrupción política, a temeridade e o desprezo ambiental", lamentou.
Nesta liña, incidiu no feito de que, "a pesar das sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza", o Goberno galego "avale" esta empresa e "atente contra a seguridade dos veciños de Ferrol.
Por iso, a formación indicou que traballa "para acabar coas ilegalidades e irregularidades que leva Reganosa" e denunciou a 'porta xiratoria' pola que "o PP de Feijoo" nomeou o conselleiro de Política Social para o equipo de administración da factoría.
Escribe o teu comentario