O PPdeG rexeita "especular" sobre o futuro político de Rey Varela e Mato para 2019
Tellado non se pronuncia sobre se o titular de Política Social será candidato á Alcaldía de Ferrol e Feijóo destaca o labor de Mato na Xunta.
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, rexeitou pronunciarse sobre a posible candidatura do actual conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, como candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ferrol nas eleccións municipais de maio de 2019.
En resposta a preguntas dos medios de comunicación, Tellado asegurou que pronunciarse respecto diso sería adiantarse "demasiado" e lembrou que o congreso da agrupación local "toca en xuño de 2018". "Emprázoos a que me volva a facer esta mesma pregunta nesta data e eu podereille dar explicacións sobre cal é o calendario de renovación en cidades como Ferrol e Pontevedra", indicou.
Na mesma liña pronunciouse Feijóo sobre Mato, despois de que a Conselleira de Medio Ambiente anunciase que optará a liderar o PP local na Coruña.
"POLÍTICA FICCIÓN"
Dentro do partido dáse por feito que será a candidata á Alcaldía en 2019, como o actual conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o aspirante en Ferrol, pero Feijóo rexeitou a "política ficción".
Así, preguntado acerca de se manterá a Mato como conselleira e se ve compatible este cargo coa súa presenza no ámbito local, Feijóo replicou que el ten que "xestionar a realidade" e que, polo momento, aínda non se celebrou o congreso na Coruña.
Ao tempo, apelou á "soberanía" dos militantes do PP coruñés para decidir quen é o seu líder e engadiu que, en todo caso, os presidentes locais no PPdeG non teñen que ser necesariamente candidatos á Alcaldía. "O presidente local é o presidente local; con todo, o presidente autonómico si é o candidato á Xunta, así nos organizamos internamente", subliñou.
"Imos ver que pasa, no Goberno acabamos de tomar unha decisión que é facerlle un encargo á Conselleira de Medio Ambiente, están a facerse as cousas con absoluto rigor e responsabilidade, na miña opinión. Imos seguir co Goberno conforme o temos previsto", resolveu, en relación ao futuro de Beatriz Mato.
Escribe o teu comentario