O PPdeG aposta por Beatriz Mato para recuperar a Alcaldía da Coruña
A conselleira de Medio Ambiente optará a presidir o PP local da Coruña para "construír" un proxecto alternativo á Marea Atlántica.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, confirmou que optará á presidencia do PP local da Coruña para "construír" un proxecto que sexa alternativa de goberno á Marea Atlántica e co obxectivo de recuperar a Alcaldía desta cidade.
Nun acto na praza de España, xunto á portavoz municipal do PP, Rosa Gallego, Mato confirmou, tras expresar este martes que estaba a reflexionar "seriamente" sobre a posibilidade de ser candidata, que iniciará a recollida de avais necesarios para encabezar unha candidatura de fronte ao congreso local do partido, o próximo 21 de abril.
Mentres, preguntada acerca de se quere ser tamén a candidata nas eleccións municipais de 2019, dixo que primeiro o seu obxectivo é ser "presidenta" do PP coruñés. Tamén desvinculou o paso dado cunha posible petición do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. "É unha decisión persoal", sentenciou.
"PARÁLISE" DA MAREA
Sobre a súa decisión, explicou que a súa intención é que A Coruña "volva ser un exemplo e un referente do norte do noso país" fronte á "parálise" do goberno da Marea Atlántica. Para iso, indicou que se presenta "con moitísima ilusión e ganas", pero tamén "con humildade".
"Este é un partido gañador e, aínda que a candidatura poida levar nun futuro o meu nome -apuntou en alusión ás municipais- sempre será un equipo e un proxecto, non unha persoa, o que estea detrás". "Agora o que toca é construír un equipo para ter unha alternativa real de goberno", recalcou.
Así, dixo que "fronte aos que tomaron a cidade como un tubo de ensaio do laboratorio mareante podemita, hai un grupo de xente normal que cren que se merece outro goberno". E, para iso, apelou a un PP capaz de "volver ilusionar".
Para iso, manifestou que a súa intención é expor aos coruñeses un partido "coas portas abertas e cos pés na rúa". Para facelo, asegurou que pedirá "a confianza" dos militantes do PP coruñés, aínda que sen descartar que outros poidan animarse "a dar o paso" de ser candidato do PP local.
Escribe o teu comentario