Unha pregunta de En Marea polas portas xiratorias desata "malas formas" de deputados do PP
Segundo Errejón, un deles chegou a dicir "queres que vaia ou que?", en ton ameazante. Montoro bota balóns fóra polo nomeamento de Fernández de Mesa en Red Eléctrica.
O portavoz de Unidos Podemos no Congreso, Íñigo Errejón, denunciou "malas formas" por parte de deputados do PP na sesión de control ao Goberno, e mesmo insinuou ameazas, pero avisou de que a súa formación non se vai arredrar: "Non nos imos amedrentar", dixo.
O episodio de tensión no hemiciclo produciuse na pregunta do portavoz de En Marea, Antón Gómez Reino, ao ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, sobre a fichaxe do ex director da Garda Civil Arsenio Fernández de Mesa por Red Eléctrica Española, participada pola SEPI.
O deputado de Unidos Podemos asegurou que este nomeamento é un "caso obsceno" de porta xiratoria, de "corrupción legal" e mesmo de "omertá" (a lei do silencio da mafia): "Trátase coma sempre de apoiar á familia, pago de favores polo silencio, retiro dourado, traballo sucio que pagamos ben", espetou, provocando sonoras protestas da bancada do PP.
A airada resposta do PP foi publicitada por deputados de Unidos Podemos na rede social Twitter: "Desmedida reacción da bancada do PP cando Antón pregunta pola nova 'Porta Xiratoria' en Red Eléctrica", escribiu a co-portavoz de Equo, Rosa Martínez.
O propio Errejón referiuse ao tema na mesma rede social: "Preguntamos ao Goberno polas portas xiratorias. Críspase a bancada do PP e un deles chega a dicirnos: "queres que vaia ou que?".
Xa nos corredores, o portavoz de Podemos insistiu en que algún deputado do PP ameazara con "baixar" aos escanos da formación morada. "Non me gustou que nos sinalasen --dixo--. Esas formas sobran no Parlamento, pero non nos imos amedrentar".
De feito, os deputados de Unidos Podemos tamén responderon as protestas do PP no hemiciclo para, segundo a versión de Errejón, dicir ao Grupo Popular que esa actitude "está fóra de lugar".
MONTORO LÁVASE AS MANS
O ministro de Facenda e Función Pública, Cristóbal Montoro, desvinculou o Goberno do próximo nomeamento do galego Arsenio Fernández de Mesa como conselleiro de Red Eléctrica de España (REE) e indicou que se trata dunha decisión da propia empresa, na que non interviu nin o Executivo nin a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), holding público no que se encadra REE.
Montoro, respondendo á pregunta, afirmou que o nomeamento se fará no seu momento na xunta directiva de REE e que seguirá o procedemento que seguen todos os nomeamentos de conselleiros independentes da compañía, "que é a que determina o perfil profesional do conselleiro a nomear".
"Nin corresponde ao Goberno nin á SEPI, é a propia compañía a que determina a idoneidade dun candidato", reiterou Montoro, quen pediu "respecto" por Fernández de Mesa, ex director da Garda Civil, e rexeitou as "descualificacións" a persoas que exerceron "máximas responsabilidades" na democracia española.
Escribe o teu comentario