A Fundación Franco insiste no seu desprezo ás vítimas do franquismo

Chegan a dicir que o ditador lles concedeu a "dignidade" de permitirlles "durmir o sono eterno baixo a Cruz do Val dos Caídos".


|

Pazomeiras 2Reprochan á "dereita covarde" a súa morneza.


A Fundación Nacional Francisco Franco emitiu un comunicado no que se revela contra as peticións de ilegalización que se produciron nos últimos días por distintas entidades e partidos políticos. Insiste en que o ditador "nin fusilou a ninguén nin ditou condena á morte algunha", porque as condenas as ditaba "a Xustiza".


No seu comunicado a Fundación Francisco Franco asegura que o ditador "ofreceulles aos caídos da Fronte Popular a maior dignidade que estaba na súa man", a de "durmir o sono eterno baixo a Cruz do Val dos Caídos", sinalan.


A fundación franquista presume de manter unha "actitude de reconciliación e respecto" e de cumprir "unha función capital" a día de hoxe en España, na defensa "da media España vítima da Fronte Popular", algo que lle lembran á "dereita covarde", e dicindo que os que queren ilegalizar a Fundación son "os mesmos que perseguen ou apedrean un autobús".


A entidade asegura que defendela é, "a día de hoxe, unha obrigación cívica", para recoñecer "ás vítimas causadas pola Fronte Popular e conseguir a declaración de xenocidio pola matanza de católicos".


"SÓ QUEREN FACER DANO"


Pola súa banda, Carmen Franco, que pasa estes días en Meirás, asegurou a El Mundo desde o pazo que a petición de declarar "non gratos" á familia e a Fundación "ten como único propósito molestar. Xa non se trata só dunha cuestión de educación, agora educación hai pouca. O que queren é facer dano. Fixérono tamén con Rajoy, que no seu propio pobo tamén o declararon non grato, son así". 


A filla do ditador non se mostrou preocupada, a preguntas de El Mundo, sobre a posibilidade de retirarlle a propiedade do pazo, comentando que "eles propoñen e logo prospera ou non prospera. Veremos".


A CRMH VE DELITO DE ODIO


A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) pedirá á Xunta que considere "como acción urxente e inmediata" a denuncia contra a Fundación Francisco Franco por delito de odio.


A CRMH considera que as súas palabras "insisten no relato negacionista" do "xenocidio franquista" e "volve equiparar" vítimas con verdugos.


Así, advirte de que existen ferramentas legais para frear estas condutas e insiste na "necesidade dunha coordinación e consenso amplo" na Xunta para que o Ben de Interese Cultural pase a mans públicas, así como para o Goberno galego lidere as denuncias contra a Fundación Franco.


A xuízo da Comisión, a acusación de delito de odio "non só" garante os dereitos á non discriminación ou á protección da igualdade e da diferenza, senón que tamén "debe protexer valores superiores" dos dereitos fundamentais.


A CRMH subliñou que "non é casual" este "rexurdir" do discurso franquista en España dentro dunha "estratexia" para "instalar unha alternativa franquista que socave a fráxil democracia española", asentada "sobre unha reforma tímida" do franquismo.

relacionada O Bloque quere estender a toda Galicia o rexeitamento aos Franco
relacionada Sada aproba reclamar que Meirás pase a ser patrimonio público
relacionada A Fundación Francisco Franco presume de difundir desde Meirás a "grandeza" do ditador

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE