As asembleas da limpeza da Coruña aceptan desconvocar a folga
Quedará oficialmente suspendida cando o luns Xulio Ferreiro asine o documento cos compromisos adquiridos.
Só falta a firma do alcalde.
As asembleas de traballadores dos servizos de limpeza da Coruña déronlle o visto e prace ao preacordo para desconvocar a folga anunciada esta semana, polo que só falta que o concello firme o documento cos compromisos adquiridos para que a medida de presión quede oficialmente suspendida.
Así o confirmaron este sábado a Europa Press fontes sindicais, que concretaron que a reunión co alcalde herculino, Xulio Ferreiro, terá lugar na mañá do próximo luns.
Deste xeito, se o consistorio coruñés asume oficialmente os compromisos concretados no comité de negociación, a folga quedaría desconvocada a partir do martes.
A comezos desta semana, os traballadores dos servizos municipais de limpeza anunciaron a convocatoria dunha folga a partir do día 11 de agosto, coincidindo co arranque das Festas de María Pita.
Tras isto, o goberno local e os representantes sindicais iniciaron un proceso de negociación que desembocou nun preacordo que foi sometido á aceptación das asembleas dos traballadores. Estas asembleas iniciáronse o pasado xoves e finalizaron na mañá deste sábado.
Escribe o teu comentario