Os traballadores da limpeza da Coruña convocan unha folga indefinida
Comezará o 11 de agosto e desenvolverase "con paros intermitentes". Reivindican os dereitos que dita o convenio do sector.
Os paros serán intermitentes.
O Sindicato de Traballadores da Limpeza convocou na cidade da Coruña unha folga "indefinida con paros intermitentes", que comezará o próximo 11 de agosto.
A través dun comunicado asinado polo secretario xeral da central sindical, Miguel Ángel Sánchez, o sindicato informa de que será "unha folga de duración indefinida con paros intermitentes". Así, deteranse os traballos de saneamento e limpeza viaria, regas, recollida e tratamento de residuos.
O paro indefinido --segundo informan no comunicado-- comezará o 11 de agosto e continuará o 12, 13, 14, 15, 17, 19, 22, 24, 26, 29, 30 e 31 de agosto; e posteriormente, todos os días pares de cada mes ata que se desconvoque.
O sindicato insta a todos os traballadores afectados a "secundar a dita folga" para "reivindicar" os dereitos recolleitos no convenio do sector. Ademais, convida a "calquera central sindical a adherirse á devandita convocatoria".
Escribe o teu comentario