Traballadores e empresas de buses chegan a un acordo que "vale ás dúas partes"
A folga do sector queda desconvocada de forma definitiva se os traballadores ratifican o resultado das negociacións.
Hai acordo nas catro provincias.
Os sindicatos acordaron desconvocar de forma definitiva a folga de autobuses despois de pactar coas patronal subidas salariais nas catro provincias. Esta decisión deberá ser ratificada polos traballadores en asemblea, pero as centrais confían en que será así.
Este é o resultado da reunión entre representantes dos traballadores e empresarios que, como de costume durante as negociacións que se viñeron desenvolvendo desde principios do mes de xullo, prolongouse durante horas na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, en Santiago.
Así as cousas, os incrementos das nóminas quedan fixados da seguinte maneira: serán do 2,6% en Lugo e Ourense a contar a partir deste 1 de xullo e do 3,8% en Pontevedra, desde a mesma data. Na Coruña aplicarase unha alza do 2,6% desde o 1 de agosto e a este dato sumaráselle un 0,4% máis a partir do 31 de decembro, co que sumará un 3% a peche de ano e en 2018 as partes negociarán por encima desa cifra.
Xunto a isto, centrais e federacións empresariais incluíron no acordo o marco coa subrogación do emprego que xa se pechou previamente, coa participación da Xunta.
"VALE ÁS DÚAS PARTES"
En declaracións a Europa Press, a portavoz de UXT, Beatriz Meilán, valorou o "importante labor" do Consello de Relacións Laborais, que se salda cunha situación que lle "vale ás dúas partes".
Segundo destacou, para a parte social "cumpre a recuperación de poder adquisitivo destes anos", mentres que Meilán estimou que "non supón un lastre" para as compañías.
Por iso, reivindicou o "esforzo" de ambas as partes, despois dunha crise que estalou a finais de xuño coa presentación do plan de reordenación de liñas do Goberno galego e supuxo varias xornadas de paro no sector.
Precisamente este era a outra fronte de conflito no transporte de viaxeiros por estrada, que a partir do 8 de agosto empezará coa implantación dos primeiros contratos adxudicados pola Consellería de Infraestruturas na primeira fase do plan.
Escribe o teu comentario