O alcalde investigado por explotación de inmigrantes acaba de conseguir unha concesión de bus
A CIG pídelle á Xunta retirar o contrato que asignou á empresa de transporte do rexedor do PP en Xunqueira de Ambía.
A empresa de transporte de Gavilanes fíxose cun contrato da Xunta.
A CIG solicita á Consellería de Infraestruturas que lle retire o contrato que lle acaba de asignar á empresa de transporte do alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, tendo en conta que o investigan por explotación de inmigrantes.
O sector de transportes da central nacionalista entende que a Xunta "non pode manter unha concesión administrativa con Gavilanes, desde o momento no que hai indicios de que o propietario da empresa podería estar a explotar a traballadores migrantes".
Indica que, segundo a información que transcendeu, a Policía cre que os "podería" estar a explotar "para realizar as tarefas de limpeza dos autobuses" e engade que, así, estaría "defraudando á Seguridade Social".
Por iso, esixe a rescisión "inmediata" do contrato de transporte de viaxeiros que acaba de ser adxudicado, dentro da primeira fase da reordenación de mapa de buses que impulsa o departamento de Ethel Vázquez.
FEIJÓO APOIA DE MOMENTO AO ALCALDE
O presidente da Xunta e do PPdeG reaccionou con prudencia este venres á investigación aberta ao alcalde de Xunqueira de Ambía, tras o que apostou por "saber que hai detrás" desta decisión.
En resposta a preguntas dos medios tras a rolda de prensa do Consello da Xunta, Núñez Feijóo pediu prudencia para analizar esa "presunta ou suposta conduta". "Temos que saber que é o que pasa. Entender e decatarnos que hai detrás e que hai de verosímil", dixo Núñez Feijóo.
O alcalde da localidade ourensá de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes; a súa ex muller, Carmen Limia, e o seu fillo, Antonio Gavilanes (ex presidente do Club Ourense Baloncesto) están a ser investigados pola Policía como presuntos autores dun delito contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros por ofrecer, supostamente, traballo a tres inmigrantes irregulares, sen un contrato e sen regularizar a súa situación.
Escribe o teu comentario