Investigan por explotación de inmigrantes ao alcalde de Xunqueira de Ambía
A policía acusa o rexedor, do PP, o seu fillo e a súa ex muller de telos traballando a cambio dun piso e comida.
José Luís Gavilanes, alcalde de Xunqueira de Ambía. Foto: Xunta
O alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, do PP, xunto co seu fillo e a súa ex muller, foi citado a declarar en comisaría por un presunto delito de explotación de inmigrantes.
Tal e como recollen varios medios de comunicación, a policía trata de esclarecer se dous cidadáns senegaleses e un colombiano sen papeis traballaron para José Luis Gavilanes ou a súa familia unicamente a cambio dun piso e comida, sen soldo nin seguro.
O rexedor defende que axudou a estas tres persoas, pero que non lles deu traballo. A investigación, con todo, sospeita que os inmigrantes desempeñaron tarefas de limpeza para a súa empresa de autobuses e en vivendas dos seus familiares.
Os tres detidos están en liberdade mentres o xulgado de instrución segue coa causa.
Escribe o teu comentario