Pedro Mosquera tira de galóns para reclamar "bo ambiente" no Dépor
"Perdémolo un pouco o ano pasado", recoñece, aínda que felicita á afección: "A xente nunca falla".
Pedro Mosquera, nun adestramento. Foto: RC Deportivo
A falta de que se decidan os capitáns do Dépor, Pedro Mosquera, un dos xogadores con peso no vestiario, recomenda aos seus "facer un bo grupo e que haxa bo ambiente entre equipo e afección. Perdémolo un pouco o ano pasado e creo que o podemos recuperar".
Mosquera pronunciouse no acto de presentación dos novos equipamentos do Dépor, onde estiveron presentes as fichaxes Fede Cartabia, Carles Gil, Fede Valverde, Gerard Valentín, Zakaria Bakkali e Fabian Schär.
O xogador quixo felicitar a afección, tras o anuncio de que o club superou os 17.000 socios ás portas do Teresa Herrera. "A xente nunca falla. Lévao demostrando moitas tempadas. Mesmo cando se descendeu demostraron que estaban aí máis que nunca, é o noso valor máis importante e algo moi positivo para A Coruña".
Sobre as posibles incorporacións, reitera a necesidade de máis efectivos arriba. "Con Florin temos un gran dianteiro pero poden pasar moitas cousas, pode haber sancións, lesións e sería positivo ter a outros xogadores", manifestou.
Así, tamén respondeu sobre a situación de Lucas Pérez, que parece máis imposible. "Hai tempo que non falo con el, dúas ou tres semanas. Non sei como está o tema. É un gran xogador e se vén recibirémolo cos brazos abertos".
Escribe o teu comentario