Andone: "Asino perder o que nos queda de pretempada e gañarlle ao Madrid"
O dianteiro aínda non descarta a chegada de Lucas Pérez, pero o acordo parece cada semana máis afastado.
Andone aposta por empezar ben a liga. Foto: RC Deportivo
Florin Andone quítalle importancia á primeira derrota da pretemporada sufrida ante o Porto. O dianteiro branquiazul argumenta que "se tes boas sensacións é diferente, pero non deixa de ser pretemporada e un amigable".
Neste sentido, Andone sobe a aposta: "Asino perder todo o que nos queda en pretemporada e gañarlle ao Madrid", sentenciou.
No plano individual, recoñece non estar ao 100%, pero afirma traballar "ao máximo" en pretemporada para empezar ben a liga.
O xogador tamén respondeu sobre o culebrón deste verán do Dépor con Lucas Pérez. "Todos sabemos que é moi complicado que veña porque é un xogador que vale moitos millóns. Non o podes fichar de hoxe para mañá. Nunca se sabe, ata o 31 de agosto poden pasar moitas cousas", explicou Andone.
Ante a escaseza de efectivos arriba, dixo que "é normal que esteamos a buscar un, dous ou tres mesmo. É un tema que está a manexar o club e esperemos que veña canto antes porque non podemos estar cun dianteiro toda a liga".
AS OPCIÓNS DE LUCAS, MÁIS LONXE
Se había poucas opcións de incorporar este verán de volta a Lucas Pérez, conforme avanzan as semanas parecen menos. E é que, segundo contan varios medios de comunicación, o Arsenal rexeitou unha oferta do Dépor de 10 millóns polo dianteiro. Para o club inglés, vale 15.
Ao parecer, Arsene Wenger deixou claro que conta con el, e xustificou a súa ausencia nos últimos adestramentos por problemas físicos.
Escribe o teu comentario