Andone non contempla saír e Fayçal ten pé e medio fóra
Ao dianteiro só unha "oferta irrexeitable" para o Dépor e para el lle faría deixar A Coruña, onde se sente "coma na casa".
Andone apunta a "mellorar a cifra de goles" do curso pasado. Foto: RC Deportivo.
O Dépor empezou a pretemporada cun único dianteiro no equipo e, por sorte, non entra nos plans nin do xogador nin do club a súa posible saída. Florin Andone declarou esta mañá en Abegondo sentirse "moi comprometido co equipo e co proxecto desta tempada. Non contemplo a opción de saír. Síntome coma na miña casa".
O romanés recoñece que tivo ofertas de equipos importantes coma o Sporting de Portugal, "algo que sempre é de agradecer", aínda que manifestou que "o que me ofrece o Deportivo e o que eu sentín aquí non creo que mo poida ofrecer ninguén agora. Tería que chegar unha oferta irrexeitable para o club e tamén para min".
Por tanto, prepárase para "mellorar a cifra de goles" do ano pasado e contribuír con asistencias aos resultados do Dépor.
Sobre unha hipotética chegada de Lucas Pérez, asegurou que "se xogas á beira de xogadores bos ti melloras tamén e seguro que el tamén melloraría comigo". Con todo, aínda que o coruñés non regrese, cre que "seguro que vai vir outro dianteiro, ou dous máis".
FAYÇAL, CON PÉ E MEDIO FÓRA
O que está menos contento na Coruña é o franco-marroquí Fayçal Fajr, que non conta nos plans de Pepe Mel e que varios medios sitúan xa lonxe do Dépor.
Así, chegan a afirmar que "non dubidou en despedirse xa dalgúns compañeiros en Abegondo" e que xogará "seguro" en España a tempada que vén. La Voz de Galicia dá por feito o acordo co Getafe.
Escribe o teu comentario