Florin Andone: "Só daría por bo un empate se o Sporting non gaña"
O goleador deportivista cre que "o Sporting está máis nervioso que nós". No persoal, non pensa en marchar do Dépor.
Andone, no partico contra o Vilarreal. //Fonte: RC Deportivo
Ao Dépor quédanlle dúas balas para asegurar a permanencia, pero o equipo quere liquidala esta mesma semana. É a mensaxe que veñen repetindo ultimamente, aínda que de momento estáselles escapando, ata o punto de que a situación creou nerviosismo na bancada.
"Todos queremos gañar", manifestou este mércores Andone á prensa, recoñecendo que "se non cumprimos e non damos a talla é normal que nos xulguen, así que o que temos que facer é calar, aceptar a situación e traballar para revertela".
O goleador deportivista apela a "sacalo polo noso orgullo nós mesmos, non depender de ninguén", e afirma que "só daría por bo un empate se o Sporting non gaña". Neste sentido recoñece a ansiedade no vestiario: "hai un pouco de nervios, pero o Sporting está máis nervioso ca nós".
No plano persoal, xogou dous anos no Villarreal, ao que se enfronta esta fin de semana e contra o que "sempre que tiven a oportunidade de xogar contra eles en Primeira estiven moi motivado". Espera, así mesmo, recibir no campo a súa familia e amigos que conserva na Comunidade Valenciana, arroupándoo.
O dianteiro di estar agusto na Coruña, como para non pensar na saída. "Eu quero seguir aquí", manifestou, rotundo. Para matizar a preguntas dos xornalistas que "os futbolistas buscamos xogar en Primeira División". E recoñeceu que "en xaneiro tamén houbo cousas e en ningún momento quixen escoitar nada". "O club apostou moi forte por min, asinei por cinco anos e espero que esta sexa a miña casa por moito tempo", insistiu.
Escribe o teu comentario