O Dépor condénase a seguir sufrindo outra semana

|

Deporespanyol 1O Dépor non puido remontar. //Fonte: RC Deportivo


O RC Deportivo deixou escapar unha semana máis a oportunidade de pechar matematicamente a permanencia, tras perder ante o Espanyol en Riazor, nun partido no que se viu cun 0-2 en contra á media hora, recortou distancias nada máis comezar a segunda metade e topouse cos postes da portería de Diego López en dúas ocasións.


O partido arrincou aberto, con chegadas constantes a ambas as áreas. A primeira ocasión clara chegou no minuto 8. O protagonista, Florin Andone. O dianteiro romanés recibiu un pase en profundidade de Ola John, encarou a Diego Reyes, freouse e buscou o pau contrario co interior da súa bota dereita. O coiro marchouse moi preto do poste esquerdo do marco de Diego López.


O Espanyol, con todo, non perdoou a primeira que tivo. Leo Baptistão bateu con tranquilidade no man a man a Germán Lux, despois de facerse cun balón que Alejandro Arribas non puido despexar.


No minuto 24 buscou o empate Emre Çolak, nun disparo afastado, desde a dereita do ataque branquiazul, moi duro e por baixo. Diego López non foi capaz de agarrar o esférico á primeira, aínda que si o fixo en segunda instancia, baixo a presión de Andone.


Cinco minutos despois, o Espanyol ampliou a súa vantaxe, nunha rápida penetración de Pablo Piatti polo extremo esquerdo. O arxentino cedeu para a chegada de Gerard Moreno, que á súa entrada na área deportivista conectou un zurdazo, colocando o balón pegado á base do poste dereito do portal de Lux.


No descanso, con dous goles abaixo no marcador, Pepe Mel deu entrada a Carles Gil en lugar de Edu Expósito, modificando así o debuxo do equipo. E nada máis arrincar o segundo tempo, os branquiazuis recurtaron distancias. Florin Andone alcanzou a decena de tantos en Liga tras unha fenomenal acción de Ola John sobre a liña de fondo. O goleador deportivista remachou na área pequena o servizo do internacional holandés.


Antes de cumprirse a hora de partido, o Deportivo tivo oportunidades para empatar e o último tramo tratou de abasallar a área perica, sen premio.


Con este resultado, o Deportivo queda con 5 puntos de vantaxe sobre a zona de descenso, que marca o Sporting de Xixón, a falta de 6 puntos por disputar e co Leganés tamén implicado na pelexa, só 3 puntos por encima do equipo asturiano, aínda que cun partido menos, o que debe disputar o luns ante o Betis. Na próxima xornada, a penúltima, o Dépor visitará o Vilarreal, o Sporting fará o propio co Eibar e o Leganés tamén xogará a domicilio, ante o Athletic de Bilbao.


RC Deportivo: Lux, Juanfran, Álex Bergantiños, Arribas, Fernando Navarro, Borges, Guilherme, Edu Expósito (Carles Gil, min. 46), Emre Çolak (Fayçal Fajr, min. 82), Andone e Ola John (Marlos Moreno, min. 71).


RCD Espanyol: Diego López, Marc Navarro (Marc Roca, min. 64), Diego Reyes, David López, Víctor Álvarez, Jurado, Víctor Sánchez, Javi Fuego (Pape Diop, min. 69), Piatti (Rubén Duarte, min. 89), Leo Baptistão e Gerard Moreno.


Goles: 0-1 Leo Baptistão (min. 14); 0-2 Gerard Moreno (min. 29); 1-2 Andone (min. 47).

relacionada Celso Borges: "Por orgullo colectivo gustaríame pechalo gañando o domingo"
relacionada O Deportivo paga máis de 5 millóns de euros á Axencia Tributaria

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress