O Dépor reforza a banda esquerda con Bakkali, cedido polo Valencia
Sexta incorporación branquiazul para a próxima campaña. Gerard Valentín fala por primeira vez: "Todo o mundo fala marabillas".
Anuncio da chegada de Bakkali. //Fonte: RC Deportivo.
Zakaria Bakkali convértese en novo xogador do Real Club Deportivo para a Tempada 2017-2018, cedido polo Valencia CF, informa o club coruñés na súa web.
O mozo extremo belga, de 21 anos, desde os 12 anos militou no PSV Eindhoven, onde se formou ata o seu debut no primeiro equipo a principios da Tempada 2013-2014. Estreouse na fase de clasificación á Champions League, ante o Zulte Waregem, e no partido de volta anotou o seu primeiro gol oficial.
En xullo de 2015 fichou por Valencia CF tras finalizar contrato co PSV. Cos chés acumula un total de 27 partidos e 2 goles. Bakkali é internacional en todas as categorías da selección belga, incluída a absoluta, coa que disputou dous partidos.
Convértese na sexta incorporación branquiazul para o próximo ano, tras as fichaxes de Fede Cartabia, Guilherme, Fede Valverde, Gerard Valentín e Carles Gil.
"FALAN MARABILLAS"
Gerard Valentín foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo. Explicou que o seu pase ao Dépor foi "bastante rápido. Saíume a posibilidade de vir, e eu encantado".
Neste sentido, o novo lateral deportivista asegura estar "moi ilusionado. As miñas características son velocidade, son bastante ofensivo pero tento estar concentrado en defensa. E traballar".
Sobre a súa acollida no vestiario, só tivo palabras de eloxio: "Son xente moi cariñosa. A verdade é que me aceptaron rápido".
Do Dépor, o seu novo club, manifestou Gerard Valentín que "é un equipo histórico, máis ou menos sabes de todo. Sabía a historia. Ao final todo seareiro sabe a historia que tivo, sobre todo nestes últimos anos. Fun vendo algún partido como afeccionado. Cando xa sabía que viña, informeime un pouco máis da cidade, das instalacións. Todo o mundo fala marabillas".
Escribe o teu comentario