Representantes do comité do 112: "Hai profesionais que saen do traballo chorando"

|

112 1


Representantes do comité do 112 e outros servizos de emerxencias aseguraron este sábado que a central de atención ás emerxencias está "colapsada", a pesar de que non hai, sinalaron, ningún evento excepcional.


A presidenta do comité do 112, Isabel Moares, denunciou ante a Dirección Xeral de Emerxencias que a Xunta "pasa por encima de todo e de todos": "Márcanos uns servizos mínimos ilegais, do 100 por cento; sáltase un auto dun xuíz; e criminaliza a actitude dos traballadores perseguindo e acosando ao persoal".


En relación aos traballadores deste servizo, fixo fincapé en que son "grandes profesionais" que "fixeron fronte á vaga de lumes do 2006, ao Prestige e ao accidente do Alvia", todo iso, precisou, con "serenidade e tranquilidade" e "sacando o traballo adiante".


"Vémonos superados e frustrados", confesou Isabel Moares, quen revelou que hai algúns profesionais que saen do traballo "chorando" porque "non son capaces de sacar o traballo adiante". E é que asegurou que o programa está "colapsado" e a plataforma informática "non funciona": "Temos que facer chamadas ao exterior a través de teléfonos móbiles".


"A Xunta non tiña que facer este traslado. Non pasaba nada porque se atrasase unhas semanas [...]. O programa non funciona, non está finalizado", subliñou en relación ao traslado ao centro da Estrada, xusto antes de explicar que este feito "trae consecuencias" para os organismos cos que traballa o 112 --ambulancias, bombeiros e 061, entre outros--.


"ESTAMOS A FALAR DE VIDAS", ASEGURA


"Estamos a falar de vidas, de emerxencias: non de ningunha nimiedade", defendeu a presidenta do comité do 112, xusto antes de condenar o traslado "unilateral" do 112 por parte do Goberno galego.


A esta concentración ante a Dirección Xeral de Emerxencias uníronse tamén outros servizos de emerxencias, como representantes da xunta de persoal do 061, da plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (Asgate) e da Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (Tesgalicia).


De feito, o presidente da xunta de persoal do 061, Mario Otero, solidarizouse cos traballadores do 112, xa que eles serán "o segundo servizo en ser trasladado forzosamente" ao centro da Estrada, o cal está previsto, sinalou, para "finais de ano".


"SOLUCIÓN PACTADA"


Mario Otero fixo un chamamento á Xunta para que solucione un "problema" que, ao seu xuízo, foi "creado" polo propio Goberno galego. Por iso, solicitou á Administración autonómica que sente a negociar cos traballadores do 112 para lograr "unha solución pactada".


"As incidencias están a atenderse todas, pero non nos tempos que non gustaría", confesou o presidente da xunta de persoal do 061, quen, con todo, asegurou que "non hai que alarmar á poboación".


Pola súa banda, o portavoz da Mesa Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, Xavier Villar, asegurou que os "problemas" que sofren os traballadores do 112 repercuten tamén no servizo prestado polos bombeiros, provocando un "atraso" no comezo das intervencións, así como obrigando a determinadas persoas a "contactar directamente" cos bombeiros ao non ter resposta do 112 "en tempo".

relacionada Traballadores do 112 revelan que o sistema informático "fallou" durante o traslado
relacionada O 112 empeza a funcionar na Estrada
relacionada Declarados "ilegais" os servizos mínimos do 100% para o 112

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress