Piden a ilegalización da Fundación Franco pola "apoloxía do franquismo"
A Comisión de Recuperación da Memoria Histórica da Coruña considera que cometen "delitos de odio" que están a quedar sen castigo.
Piden á Xustiza "que corrixan esta anormalidade".
A Comisión de Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) pediu ao Goberno central a "ilegalización" da Fundación Francisco Franco para "frear" o que considera unha "continua e impune apoloxía do franquismo".
Nun comunicado, a Comisión pide "normalidade democrática na liña do que fixo a Deputación da Coruña" anunciando, este martes, que "valoraría a posibilidade de denunciar a Fundación pola apoloxía do franquismo", e instando á Xunta de Galicia a que realice "unha comunicación nesa mesma liña".
"Nós suxerimos, a quen corresponda, á Fiscalía ou aos xuíces, que corrixan esta anormalidade e revisen as actividades desta fundación e que atendan ás súas manifestacións, que nos parecen moi próximas ao tipificado como delito de odio", engade a Comisión.
A Comisión reclama ao Goberno central que "interveña", ilegalizando a Fundación, en base á Lei de Fundacións ou aos delitos de odio tipificados no Código penal. Mesmo remarca que, aínda que "non haxa leis que permitan actuar contra quen fai apoloxía do terror, utiliza o negacionismo para fomentar valores e prácticas antidemocráticas e despreza a memoria das vítimas do franquismo", se asuma "como urxente esta tarefa de dotar a un Estado democrático dunhas normas que protexan o seu carácter".
Este mércores o BNG deu pasos nesta dirección, por iniciativa da eurodeputada Ana Miranda, que insta o Parlamento Europeo a "mollarse" contra o franquismo, tal e como contou no seu Twitter e como o partido informou nun comunicado.
Miranda denuncia que durante unha década a Fundación Franco recibiu fondos públicos do Estado, pese ser unha Fundación que defende valores antidemocráticos e unha ditadura que "provocou asasinatos e sufrimento", polo que reclama "recuperar a memoria das vítimas" a través dunha Lei galega de memoria histórica que "prohiba, persiga e sancione actos de exaltación do franquismo".
A iniciativa do Bloque reclama ao goberno da Unión Europea que actúe ante o Estado español para esixir a prohibición da apoloxía da ditadura franquista por parte da Fundación Franco. A portavoz nacionalista afirma que Europa non pode permitir fundacións que enxalcen valores e figuras do fascismo polo que reclama unha "condena rotunda" á Fundación Franco.
Escribe o teu comentario