O Xulgado de Violencia de Xénero da Coruña queda sen xuíz en agosto
O Colexio de Avogados coruñés denuncia que o Ministerio non envía un substituto simplemente por "un motivo económico".
O Ministerio deixa á Coruña sen xuíz de violencia de xénero.
O Colexio de Avogados da Coruña alertou da "complexa situación" do Xulgado de Violencia de Xénero da Coruña durante o mes de agosto "ao non cubrir cun xuíz substituto as vacacións do xuíz titular", sinala nun comunicado.
En concreto, asegura que esta situación se produce porque "o orzamento para nomear estes cargos substitutos xa foi superado". "Desta maneira un xuíz terá que asumir a carga propia do xulgado do que sexa titular e compatibilizala co volume de traballo do Xulgado de Violencia de Xénero", engade.
A entidade colexial subliña tamén que esta solución "non só repercutirá nun xulgado, senón que haberá outro que se verá afectado por esta decisión".
ALTA CARGA DE TRABALLO
Ademais, remarca que o Xulgado de Violencia de Xénero ten "unha alta carga de traballo durante todo o ano", pero que en agosto experimenta "un aumento de casos", coincidindo cos períodos vacacionais das parellas e o aumento do tempo de convivencias.
Respecto diso, o decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda Vila, pide "cordura e reflexión" para evitar que a ausencia dun xuíz substituto "poida levar á indefensión de mulleres vítimas deste tipo de violencia". "Aínda que tarde, aínda se pode tentar alcanzar unha solución diferente que non afecte desta maneira a ningún xulgado", apostila.
Nesta liña, o Colexio de Avogados da Coruña cualifica de "alarmante" que o Ministerio de Xustiza "non previse cubrir esta baixa". "E máis cando se debe a un motivo económico", recalca no seu comunicado.
Escribe o teu comentario