Carlos Casares, a escusa perfecta para crear un premio de teatro infantil e xuvenil
A Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil propúxollo á Deputación de Ourense.
A Carlos Casares dedicóuselle o Día das Letras deste ano.
A Deputación de Ourense estuda crear un premio de teatro infantil e xuvenil en galego que leve o nome do escritor Carlos Casares, ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas este ano.
Segundo sinalou o organismo provincial nun comunicado, a proposta vén da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (GÁLIX). O presidente da entidade e da Organización Española para a Literatura Infantil (Oepli), Xosé A. Perozo, reuniuse co Presidente provincial, Manuel Baltar.
No encontro estiveron, ademais, o ilustrador e vicepresidente de Gálix, Antonio Seijas, e os editores Mercedes Pacheco, de Auga Editoria, e David Cortizo, de Urco.
Baltar destacou a importancia de "seguir potenciando" a figura de Casares "por medio de diferentes formatos literarios e artísticos". Segundo apuntou a Deputación, con esta proposta búscase tamén "fomentar a produción de textos dramáticos en galego e propiciar a posta en escea".
O galardón, tal e como explicou a institución, tería un carácter anual e a súa convocatoria coincidiría coa data de nacemento de Casares, o 24 de agosto. A obra premiada sería representada en Nadal no Teatro Principal da cidade.
Escribe o teu comentario