Xinzo de Limia, o "Macondo" de Casares, rende homenaxe ao seu veciño máis ilustre

|

Xinzodelimialetrasgalegas


A localidade ourensá de Xinzo de Limia (Ourense) rendeu unha sentida homenaxe a Carlos Casares, protagonista das Letras deste ano e autor que aglutinou "consensos" a favor de "unha nova Galicia" construída "sobre palabras e afectos".



Así o destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención no acto principal do 17 de maio que se trasladou ata Xinzo, localidade que definiu como o "Macondo" do autor ourensán "poboado de xentes que sementaron nel o amor polo relato".



Ante centenares de persoas congregadas na Praza Carlos Casares da localidade ourensá, Núñez Feijóo descubriu unha placa de homenaxe ao autor de "Vento ferido" en compañía do fillo do autor, Hakan; o seu irmán Xabier Casares; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes e o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez.



O acto tamén contou coa presenza do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Angel Cadeas; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva e os portavoces do PP e do PSOE no Parlamento galego, entre outros.



Na súa intervención o presidente da Xunta cualificou a Casares como "un labrador das palabras" que "recollía e sementaba o que escoitaba" en forma de contos, de forma que "poucas veces a cultura oral estivo tan próxima á literaria".


Xinzodelimialetrasgalegas2



"UNHA NOVA GALICIA SOBRE PALABRAS E AFECTOS"



Núñez Feijóo destacou o "compromiso" de Casares para "levantar unha nova Galicia, non sobre dogmas senón sobre palabras, afectos e acordos", así como o seu "traballo" por "conquistar novos lectores para o galego". 



Así, referiuse á preocupación do autor ourensán por "ver no galego que non emprega a súa propia lingua, non un inimigo ao que hai que combater, senón un irmán ao que hai que convencer".



Xinzodelimialetrasgalegas3



APOSTA POLO DIÁLOGO E OS NENOS



Tamén por esa capacidade de diálogo apostou o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, durante a súa intervención.



O edil destacou a "bonhomía" do autor desde a súa chegada á próxima localidade de Sabucedo (Porqueira) cando tiña catro anos.



"Casares tiña moitas virtudes, sobre todo a capacidade de conversar e de diálogo que a sociedade bota tanto de menos hoxe día", dixo o edil.



Na súa intervención o primoxénito do autor, Hakan Casares, agradeceu as "mostras de agarimo" da "xente anónima" que se achega para dicirlle "o boa persoa" que era o seu pai.



Hakan Casares avogou por converter as Letras Galegas nunha "festa para os nenos", para animalos a "ler en galego" e gozar da cultura de Galicia co obxectivo de que "algún colla afección por escribir" e loitar "por esa Galicia que o seu pai soñou".

relacionada Ourense nomea Fillo Predilecto a Carlos Casares
relacionada Leiceaga: "Necesitariamos no Parlamento actual moitos Carlos Casares"
relacionada Carlos Casares, unha traxectoria marcada pola vocación de gañar lectores para o galego

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress