Leiceaga: "Necesitariamos no Parlamento actual moitos Carlos Casares"
O PSdeG destaca o "consenso lingüístico" que achegou o escritor, en contraposición á condición de "arma arreboladiza" do galego na actualidade.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, destacou este xoves o "consenso lingüístico" que personalidades como Carlos Casares, o homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, contribuíron a construír en Galicia, e criticou que a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta supuxese a súa "quebra".
"Necesitariamos no Parlamento actual a moitos Carlos Casares, bos e xenerosos", dixo nun acto de recoñecemento ao escritor que ocupou un escano socialista na primeira lexislatura autonómica.
Sobre esta decisión de participar na vida política, destacou a "xenerosidade" que lle levou a dar o paso, e tamén a mostrada polo PSdeG ao incluír como independentes distintas figuras públicas de marcado perfil galeguista.
A súa facilidade para "tecer complicidades", apuntou, permitiu sacar adiante "instrumentos básicos" que continúan vixentes: a CRTVG, a Lei de Símbolos de Galicia e o Consello da Cultura Galega, entre outros.
Agora, como lamentou Leiceaga, a lingua galega utilízase como "arma arreboladiza" entre as forzas políticas. "Necesitamos recuperar o consenso", reivindicou, á vez que sinalou que, aínda que o seu uso é "un exercicio de liberdade", a administración debe garantir que a elección sexa "real" e non "nominal".
"A HOMENAXE DUN PAÍS ENTEIRO"
No acto tamén tomou a palabra Hakan Casares, fillo do escritor, para resaltar o papel do seu pai en defensa da lingua e a cultura propias en anos de "moitas dificultades" para esta empresa.
Nesta loita enmarcou a súa "breve" paso pola política, e tamén no seu soño de "unha sociedade xusta e igualitaria" a través da socialdemocracia.
Tamén tivo palabras de agradecemento para o PSdeG por este recoñecemento da súa figura en vésperas do Día dás Letras Galegas. "Todos idealizamos aos nosos pais, pero a homenaxe dun país enteiro é moi bonito e moi grato", valorou.
O acto estivo conducido pola portavoz de Cultura do PSdeG no Parlamento, Concepción Burgo, quen expresou o seu "orgullo" por continuar a tarefa de Casares.
Con palabras de "profundo agarimo" a este "compañeiro", enxalzou a "unha figura imprescindible na Galicia contemporánea" e animou a "reler" a súa obra.
"SINXELO" PERO "SENTIDO" HOMENAXE
Neste "sinxelo" pero "sentido" homenaxe a Casares, ademais das intervencións do seu fillo e de Leiceaga, léronse varios fragmentos das súas obras: 'Á marxe', 'A galiña azul', 'Xoguetes para un tempo prohibido' e 'Vento Ferido' foron os textos elixidos.
Ademais de boa parte dos deputados do PSdeG, que participaron na lectura coral, estiveron presentes distintos membros do partido en toda Galicia como o exalcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo, o exdelegado do Goberno en Galicia Antón Louro e o secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza.
Escribe o teu comentario