As bolsas de compra de Gadis achegan a literatura de Casares aos fogares galegos
A compañía distribuirá 30.000 libros de contos, marcapáxinas cunha pasaxe de 'A Galiña Azul' e máis de dous millóns de bolsas cun fragmento de Carlos Casares.
Supermercados Gadis vén de sumarse á celebración do Día das Letras a través dunha serie de accións culturais para conmemorar o ano de Casares. Nesta ocasión a empresa enfoca as súas accións nos nenos e pon en valor a literatura infantil e xuvenil galega da man de dous autores destacados: Carlos Casares e Helena Villar Janeiro.
Pioneira no uso das bolsas da compra como 'vehículo cultural', desde primeiros de mes a compañia distribúe máis de dous millóns de bolsas cun fragmento da colección de ensaios 'Un País de Palabras', que achegará a obra de Casares aos fogares galegos.
José Luís Fernández Astray, director de comunicación de GADISA, fixo fincapé no compromiso da compañía coa necesidade de promover iniciativas desta índole e puxo de relevo a figura de Casares: "sen dúbida un dos autores máis destacados da nosa literatura".
Outra das accións que leva a cabo o supermercado será a distribución, ata fin de existencias, de 30.000 copias do libro de Contos do sol e da lúa, de Helena Villar Janeiro, a todos os seus clientes que realicen unha compra de calquera importe en supermercados Gadis de Galicia. O libriño irá acompañad dun marcapáxinas cun fragmento de A Galiña Azul, de Carlos Casares.
Villar Janeiro valorou a que é xa a súa segunda colaboración con Gadis como moi positiva e subliñou sentirse "abrumada" polo número de exemplares "desorbitado" de Contos do sol e da lúa editados por Gadis.
"Agradézolle a Gadis que, polo menos no Día das Letras Galegas, haxa un libro gratuíto en galego en moitos fogares nos que non entraría se tivese en prezo". Ademais, Janeiro describíu o libro de contos como "unha humilde homenaxe a Casares, unha persoa que se entregou á literatura infantil cando ninguén o facía".
O fillo do autor homenaxeado, Hakan Casares, tildou a iniciativa de "extraordinaria" e resaltou que a través das bolsas da compra coa imaxe e o fragmento da literatura de Casares, "a cultura entrará nos fogares".
"Que unha empresa cunha traxectoria como Gadis faga unha acción así é algo moi simbólico, xa que a literatura do meu pai poderá chegar a unha gran variedade de públicos". Ademais, fixo fincapé en que Casares buscou converterse nun autor popular "non para engrandecer o seu ego, senón para espallar a lingua e a cultura galegas".
Escribe o teu comentario