Marea de Vigo acusa ó goberno de Abel Caballero de trampear as análises de auga
Ruben Pérez explica que "non pasa nada se dan mal uns parámetros nas análises, tómanse medidas para corrixilo. O grave é ocultalo"
O grupo municipal Marea de Vigo reiterou este luns a súa denuncia acerca das análises da calidade da auga na rede de abastecemento, e sinalou que "se trampean" os resultados e "se oculta" información, á vez que reiterou a súa intención de acudir aos xulgados se o goberno de Abel Caballero non dá unha "explicación política" ás purgas realizadas en Canido.
Así o manifestou o portavoz do grupo, Rubén Pérez, quen rexeitou as afirmacións de Caballero acerca desas purgas. "É falso que as purgas sexan algo normal e habitual, son accións correctoras, que se fan cando unha rede é moi antiga, cando hai avarías ou problemas", incidiu, e volveu a destacar que é "sospeitoso" que se tomen esas medidas na contorna dun colexio onde as análises revelaron baixa calidade da auga, e que os informes sexan positivos xusto despois de realizar as purgas.
"Non pasa nada se dan mal uns parámetros nas análises, tómanse medidas para corrixilo. O grave é ocultalo", incidiu o portavoz de Marea, quen reiterou que "se trampean" as analíticas con medidas como as purgas "para que o alcalde poida saír en rolda de prensa ao día seguinte dicindo que os resultados dan ben".
Pérez lembrou que hai unha porcentaxe elevada de conducións en Vigo que son de fibrocemento, e tamén hai miles de metros de tubaxes de fundición, o que evidencia que a rede de abastecemento da cidade está obsoleta. Así mesmo, subliñou que esta situación é responsabilidade dos gobernos municipais dos últimos anos, que non esixiron á concesionaria actuar na rede para garantir unhas boas condicións.
Escribe o teu comentario