Ourense nomea Fillo Predilecto a Carlos Casares

O alcalde da cidade destaca que "as Letras Galegas son a escusa perfecta para saldar a débeda de gratitude" da cidade co escritor. 


|

Plazacarloscasares

// @OurenseConcello


O Concello de Ourense rendeu homenaxe a Carlos Casares o día previo ás Letras Galegas coa entrega á súa familia do diploma co que en 2003 recoñecíaselle como Fillo Predilecto da cidade e co descubrimento dunha placa de bronce que reproduce ao rostro do autor de 'Vento ferido' na traseira do Liceo Recreo Ourensán, entidade que consideraba como "a súa segunda casa".


"As Letras Galegas son a escusa perfecta para saldar a débeda de gratitude que Ourense ten con Carlos Casares", sinalou este martes o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, momentos antes do descubrimento da placa realizada polo artista Xosé Cid.


Vázquez reivindicou esta homenaxe do Concello, catorce anos despois de que se aprobase en pleno a concesión do diploma como Fillo Predilecto, co obxectivo de recoñecer a "un creador universal que coa súa obra fixo viaxar Ourense por todo o mundo".


Neste sentido, o rexedor lembrou "as pegadas da cidade e dos seus personaxes" nas obras de Carlos Casares e animou aos cidadáns a "ler as súas obras, facer faladoiro e manter viva a obra do escritor" ourensán achegándoa ás novas xeracións.


PALABRAS EMOCIONADAS DE FAMILIARES


O descubrimento correu a cargo do fillo maior do autor, Haakan Casares, e do irmán do escritor, Xabier Casares. Ambos tiveron palabras emocionadas antes de destapar a placa-escultura na que se le 'O pobo de Ourense ao seu fillo predilecto Carlos Casares Mouriño'.


Xabier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares, mostrouse "feliz" pola localización da escultura de Xosé Cid na traseira do Liceo, unha institución que cualificou a "segunda casa" do seu irmán na cidade".


Ademais, agradeceu que o seu irmán vaia a "estar rodeado de libros e amigos", en referencia á proximidade da escultura que representa a "o seu íntimo amigo" Eduardo Blanco-Amor e da placa do recuncho do lector.


"A xente que se achega nas homenaxes non me di o bo escritor que era, senón que era boa persoa", dixo na súa intervención o fillo maior de Carlos Casares, Haakan Casares.


Para o primoxénito do autor, a homenaxe na cidade, previo ás Letras Galegas, é "especialmente emotiva" porque "o inspirou para realizar a súa obra".


"CASARES NON SE ENTENDERÍA SEN OURENSE"


"Ourense é unha cidade onde a cultura e as artes teñen unha presenza moi importante. Casares sen Ourense non se entendería", concluíu.


O descubrimento da placa produciuse despois da actuación da Coral de Ruada, nun acto que, ademais da presenza da familia de Casares, contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e de Xesús Alonso Montero, expresidente da Real Academia Galega.


Para Valentín García o recoñecemento institucional a Carlos Casares culmina un proceso "histórico" iniciado no ano 2003 coa proposta de nomealo Fillo Predilecto da Cidade.


O secretario xeral de Política Lingüística tamén destacou a localización do busto do autor de 'Os mortos daquel verán' nun lugar "onde a el lle gustaría estar", na traseira do Liceo "onde pasou tantas horas de faladoiro" e nunha praza con nome de bispo "que lembra á súa obra Ilustrísima".


ENTREGA DO TÍTULO COMO FILLO PREDILECTO


O descubrimento achegou aos cidadáns os actos oficiais programados polo Concello de Ourense para recoñecer a figura de Carlos Casares, que comezaran ás 12,00 horas, coa entrega do título de Fillo Predilecto no Salón de Plenos.


No Salón do Plenos foi o fillo menor do autor o que reivindicou a vinculación de Carlos Casares coa cidade, onde "deu os seus primeiros pasos literarios" e da que sacou "espazos e personaxes" que aparecerían na súa obra literaria.


No evento, visiblemente emocionado, Christian Casares agradeceu "todas as iniciativas" desde o falecemento do autor en marzo de 2002.


CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS


As actividades programadas polo Concello de Ourense para conmemorar ao protagonista das Letras Galegas 2017 rematarán no Auditorio da cidade, ás 20,00 horas, co Concerto das Letras, que promove o Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello, o Consorcio de Santiago e o Consorcio para a Promoción da Música.


A Real Filharmonía de Galicia e o Coro Xoven da Orquestra Sinfónica, baixo a dirección de Maximino Zumalave, interpretarán diferentes obras sobre textos de autores galegos ou de temática galega. No marco do concerto estrearase a obra 'Formiga', de Rubén Biscaíño, a partir dun texto do libro 'A galiña azul', de Carlos Casares.

relacionada 'Ilustrísima', de Carlos Casares, xa pode lerse en inglés
relacionada Leiceaga: "Necesitariamos no Parlamento actual moitos Carlos Casares"
relacionada Ourense convértese en 'Capital do Día das Letras' para homenaxear a Casares

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE