'Ilustrísima', de Carlos Casares, xa pode lerse en inglés
Forma parte da colección 'Galician Classics', un proxecto editorial promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e o selo Small Stations Press.
A obra 'Ilustrísima' de Carlos Casares, homenaxeado este ano nas Letras Galegas, acaba de editarse por primeira vez en inglés como parte da colección 'Galician Classics', proxecto editorial promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e o selo Small Stations Press.
A publicación de 'His Excellency' nace co obxectivo de "contribuír á proxección da obra de Casares, no ámbito internacional", destacou en rolda de prensa Anxo Lorenzo, responsable do departamento autonómico, referíndose a esta obra como "unha xanela máis para proxectar a cultura ao mundo".
Lorenzo sinalou que o libro de Casares representa "unha chamada contra o dogmatismo" e incorpora "a innovación tecnolóxica do seu tempo", pola que o autor sentiu "unha gran satisfacción" como "un dos primeiros escritores tecnoloxizados".
A tradución de Casares, da man de Jacob Rogers baixo a supervisión editorial de Jonathan Dunne, únese a unha colección de sete títulos a esta lingua con autores como Álvaro Cunqueiro, Rosalía de Castro, Lois Pereiro, Díaz Castro ou Celso Emilio Ferreiro.
Escribe o teu comentario