Os bombeiros GES advirten de folga en vésperas da tempada de incendios forestais
Os Grupos de Emerxencia Supramunicipais levan semanas ao bordo do estalido. A reunión do martes en Ourense coa Deputación non levou ningún avance real. A asociación que os representa advirte de mobilizacións "moito máis contundentes" nas próximas semanas.
A Asociación de Bombeiros GES de Galicia (AGESGA) saíu do seu encontro co presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, con poucas certezas e ningún avance concreto no fondo do conflito.
A escalada do conflito seguiu unha progresión clara ao longo de 2026. Concentracións en Lugo en febreiro, na Coruña en marzo e en Pontevedra nas semanas seguintes han ido marcando o ritmo dunhas protestas que agora, segundo AGESGA, entran na súa fase decisiva. A próxima mobilización está convocada o xoves 30 de abril ante a sede da Deputación de Ourense, coa participación anunciada de efectivos do Consorcio Provincial en sinal de apoio. A asociación advertiu que se non hai avances estruturais nas próximas semanas, a folga indefinida é practicamente inevitable nas próximas semanas. Hai que ter en conta que en Galicia a tempada de alto riscos de incendios empezan o 1 de xullo.
O estalido total do conflito podería chegar, por tanto, xusto cando os bombeiros dos GES son máis necesarios, pois entre as súas funcións está acudir aos incendios forestais, tarefa na que adoitan ser un dos primeiros en actuar, dada a súa proximidade xeográfica ás zonas rurais.
O modelo de xestión fragmentado que denuncia o colectivo desde hai anos segue intacto, e a proposta de reestruturación integral que a asociación levou formalmente á mesa —a integración do servizo baixo xestión directa da Deputación, cunha rede de subparques coordinado cos do Consorcio Provincial— quedou aprazada a un estudo máis profundo e supeditada ao visto e prace da Xunta de Galicia.
Segundo a versión de AGESGA, o dirixente provincial, que é do PP como o goberno da Xunta, recoñeceu a "bondade" do modelo, pero remitiu calquera avance á comisión de seguimento, un órgano cuxa capacidade de actuación o colectivo leva tempo cuestionando. A Deputación de Ourense elevou unilateralmente a súa achega financeira en 480.000 euros en 2025 e comprometeuse a manter ese nivel en 2026, un esforzo que AGESGA valora pero que, segundo advertiron con claridade na reunión, non garante ningunha mellora real do servizo se non vai acompañado de control e fiscalización sobre o destino deses fondos trasladados aos concellos sede.
Os traballadores denuncian un agravio comparativo. Os GES son un corpo de bombeiros que na práctica realiza as mesmas intervencións de risco que os bombeiros dos consorcios provinciais —incendios forestais, rescates, emerxencias— pero sen o respaldo estrutural nin as condicións laborais destes. A xestión do servizo recae sobre os concellos sede, entidades que na maioría dos casos carecen de capacidade técnica e administrativa para xestionar un corpo de emerxencias, polo que se unen en grupos supramincipales ou delegan nas deputaciones, o que xera o que AGESGA describe como fragmentación organizativa, desigualdade territorial e falta de integración real co sistema de emerxencias galego, incluído o 112.
Entre as demandas laborais da colectivo figura a aplicación do coeficiente reductor da idade de xubilación, un dereito recoñecido a outros corpos de bombeiros que os GES aínda non teñen, así como a dotación de equipos de protección suficientes, plans de prevención de riscos laborais e o recoñecemento de enfermidades profesionais. A Xunta aprobou a finais de 2024 un convenio para o período 2025-2027 con máis de 32 millóns de euros de orzamento, pero o colectivo considera que ese acordo non toca os problemas estruturais que están na raíz do conflito.
Sen coordinación tecnolóxica
Na reunión do martes tampouco se acordou a implantación dunha aplicación informática que integre os parques GES cos do Consorcio Provincial para facilitar a coordinación en tempo real durante as emerxencias. A Deputación de Ourense confirmou que o aplicativo en desenvolvemento será exclusivo para o Consorcio, sen que os GES queden conectados ao sistema. O colectivo interpretouno como outro ano perdido en materia de coordinación operativa.
Menor si se comprometeu a estudar a creación dunha bolsa de traballo provincial á que puidesen acoller os concellos sede para cubrir as baixas de longa duración e as vacantes. Nos últimos meses, esa falta de cobertura provocou peches continuos en varios GES da provincia, unha situación que agrava a desprotección do territorio rural fronte ás emerxencias.
Lugo é a referencia, din os bombeiros
Mentres Ourense apraza decisións, a Deputación de Lugo, que goberna o PSOE e o BNG, tomou a iniciativa. A súa presidenta anunciou que levará ao próximo pleno unha moción para integrar o cinco GES da provincia dentro do Consorcio Provincial de Bombeiros, coa previsión engadida dun novo parque na montaña lucense, unha zona especialmente afectada polos peches progresivos de GES nos últimos anos xunto coa comarca da Mariña.
Escribe o teu comentario