A Policía Local de Santiago sanciona 16 coches que circulaban en malas condicións
Controlaron case 800 vehículos nunha semana. A metade dos sancionados foi por non levar a ITV pasada.
A Policía de Santiago controlou case 800 coches. Foto: Concello
A Policía Local de Santiago controlou 792 vehículos durante a campaña de vixilancia e control das condicións do vehículo, impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico, e só 16 tiveron que ser denunciados. Esa cifra equivale ao 1,98%, fronte ao 8% que se rexistrara na campaña do ano pasado.
A campaña especial de vixilancia e control levouse a cabo entre o 17 e o 23 de xullo. Dos 16 condutores propostos para sanción, nove fórono por cuestións relativas á documentación do vehículo (sete deles en relación á ITV e dous ao seguro), un polo mal estado dos pneumáticos e os seis restantes por outros motivos.
MELLORES RESULTADOS QUE EN 2016
Na campaña do ano pasado foran controlados 421 vehículos e 34 condutores foran propostos para sanción. Por iso, os resultados dos controis deste ano son moito máis satisfactorios.
Segundo a DXT, a antigüidade do vehículo supón un importante factor de risco. De feito, as posibilidades de falecer ou resultar ferido grave nun accidente nun coche de 10 a 15 anos de antigüidade duplícase con respecto aos sinistros en vehículos de menos de cinco anos. Por iso, é fundamental un adecuado mantemento e posta a punto dos principais elementos de seguridade.
Escribe o teu comentario