A tensión pola deriva de Venezuela replícase en Galicia
Ducias de persoas concentráronse en Santiago e a policía tivo que intervir contra detractores do 'chavismo' que irromperon no acto.
A Asociación Galego-Bolivariana 'Hugo Chávez' convocou o acto.
Ducias de persoas concentráronse en Santiago en defensa da asemblea nacional constituínte convocada por Nicolás Maduro en Venezuela, nun acto que se viu interrompido ao seu inicio por detractores do 'chavismo' que os increparon ao berro de "asasinos" e "ditadores".
A concentración estaba promovida pola Asociación Galego-Bolivariana 'Hugo Chávez' e desenvolveuse na compostelá Praza do Toural. Debido á presenza de persoas contrarias á súa celebración, foi necesaria a intervención da Policía Nacional, que aplacou os ánimos tras uns momentos de tensión.
Así, en plena lectura do manifesto reivindicativo dunha asemblea nacional constituínte, que supostamente busca resolver os conflitos que afronta o país latinoamericano, contrarios a esta iniciativa irromperon ao berro de "asasinos" e "ditadores".
Unha situación que foi liquidada polos axentes, que, á súa chegada á Praza do Toural, estableceron un cordón policial para o correcto transcurso dunha "concentración programada", tal e como se referiu a ela un dos policías, dirixíndose cara a un dos detractores do 'chavismo'.
Así pois, nesta concentración, integrantes da Asociación Galego-Bolivariana 'Hugo Chávez', en palabras do seu presidente, Alfonso Martínez, defenderon o "apoio lexítimo" á República de Venezuela e o respaldo á dita convocatoria por ser "a expresión máis democrática" para "poñer fin á situación de violencia e morte que o fascismo venezolano quere impoñer na Republica".
Esta asociación visibilizou a súa "solidariedade" co pobo de Venezuela e denunciou a violencia que, ao seu xuízo, a "extrema dereita quere impoñer no país".
En declaracións a Europa Press, e a respecto dos insultos recibidos esta xornada, Martínez tachounos de "provocadores" e criticou que foron "para tomar posturas de enfrontamento".
Finalmente, os participantes no acto concluíron a concentración ao berro de "o 30 de xullo, día da vitoria do poder popular" e "Chavez vive, a loita segue".
Escribe o teu comentario