Máis de 200 familias de galegos esperan unha axuda para retornar de Venezuela
A escalada de tensión e inestabilidade do país latinoamericano require o "respaldo" desde Galicia.
Galicia envía ao ano 600.000 euros a Venezuela.
O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse con Manuel Pérez Vidal, presidente da Federación Venezolana de Galicia, entidade que agrupa a boa parte dos galegos retornados deste país, a quen trasladou o "firme compromiso de colaboración e axuda" da Xunta cos retornados e cos galegos que residen en Venezuela.
Non en balde, segundo indica o Goberno galego nun comunicado, máis de 200 familias galegas residentes neste país terán unha axuda para o seu retorno.
Miranda lembrou que, ademais dos 600.000 euros anuais que Emigración destina para axudar ás comunidades e galegos en Venezuela --especialmente a aqueles membros da diáspora en situación de maior precariedade--, o acordo adoptado no Consello por parte do Goberno galego "duplica" esta cantidade.
Con estes recursos, a Xunta defende que axuda ás familias galegas residentes en Venezuela e asísteos no seu retorno. "Estamos a traballar en diferentes mecanismos para paliar as consecuencias desta situación de crecente inestabilidade e tensión, para que os nosos paisanos sintan o respaldo e calor de Galicia", asegurou Miranda.
O secretario xeral lembrou, ademais, que boa parte do investimento social que a Xunta destina aos galegos de Venezuela faise efectiva sobre o terreo grazas á axuda das propias comunidades galegas asentadas no país.
"Elas son os nosos ollos para detectar as situacións delicadas que necesitan da nosa axuda, e as nosas mans para facer efectiva a solidariedade do pobo galego cos paisanos que están a atravesar este duro momento", subliñou.
200 SOLICITUDES DE AXUDAS EN 2017
Ao longo deste ano 2017, a Secretaría Xeral da Emigración recibiu 200 solicitudes de axudas para o retorno de familias galegas residentes en Venezuela en situacións de dificultade, que supoñen o 75 por cento do total (267) das recibidas ata o momento.
Estas dúas liñas de axuda están aínda en prazo de ser solicitadas.
Escribe o teu comentario