A consulta simbólica da oposición venezolana consegue en Santiago máis participación do agardado
Tamén na Coruña, Pontevedra e Vigo se instalaron puntos para votar. O apoio ás teses opositoras 'varre' na votación.
Mesa de votación en Venezuela.
Críticos co goberno do presidente venezolano, Nicolás Maduro, organizaron este domingo en todo o mundo un consulta popular que, na capital galega, excedeu as expectativas de participación previstas polos seus organizadores.
O presidente da Asociación Sociocultural de Venezolanos en Santiago (Avesanti), Javier Salgas, mostrouse satisfeito "non só" polo número de persoas que se achegaron á mesa de votación, instalada na rúa Fernando III, senón "tamén no ambiente", pois é xente "feliz e agradable, que vén facer unha manifestación de vontade".
A votación do simbólico plebiscito na capital galega situouse nun local da rúa Fernando III O Santo, cuxo dono é venezolano e abriu o establecemento este domingo expresamente para o proceso.
Tamén na Coruña, Pontevedra e Vigo se instalaron puntos de votación para os venezolanos que residen en Galicia.
A consulta popular impulsada pola oposición venezolana serve para protestar contra as eleccións convocadas para o día 30 deste mes por Nicolás Maduro á Asemblea Constituínte, nun intento, segundo os críticos, de disolver todos os organismos que agora lle son desfavorables.
Este acto "de desobediencia civil sen precedentes", segundo se expresa nun comunicado da comunidade venezolana en Galicia, ampárase nos artigos 5, 7, 71, 333 e 350 da Constitución vixente, pero non conta co control do Consello Nacional Electoral, "dominado polo Goberno chavista".
MÁIS DE 7 MILLÓNS DE PARTICIPANTES
Preto de 7,2 millóns de venezolanos participaron este domingo na consulta opositora celebrada durante a xornada, segundo anunciou o grupo de académicos garantes da votación.
Cecilia García Arocha, reitora da Universidade Central de Venezuela, cifrou en 7.186.170 os participantes, e engadiu que entre eles figuran 693.789 que votaron no estranxeiro, segundo informou o diario local 'El Nacional'.
Pola súa banda, Raúl López, reitor da Universidade Pedagóxica Experimental Liberador, asegurou que nas tres preguntas o 'si' recibiu máis do 95 por cento dos votos.
Así, o 98,4 por cento respondeu si á pregunta 'Rexeitades a realización dunha Constituínte proposta sen a aprobación previa do pobo de Venezuela?', mentres que un 95,8 por cento respondeu si a pregunta 'Esixides á forza Armada Nacional Bolivariana obedecer e defender a Constitución do ano 1999 e apoiar as decisións da Asemblea Nacional?'.
Finalmente, o 98,3 por cento dos participantes na consulta opositora votou 'si' á pregunta 'Aprobades a renovación dos poderes públicos así como a realización de eleccións libres e a conformación dun goberno de unión nacional?'.
O CNE NEGA A VALIDEZ
A presidenta do Consello Nacional Electoral (CNE) de Venezuela, Tibisay Lucena, lembrou que a consulta convocada pola oposición non ten validez e pediu aos dirixentes do sector contrario ao presidente, Nicolás Maduro, que non xeren "falsas expectativas" na súa militancia.
Escribe o teu comentario