Feijóo contrapón o "modelo galego" á deriva secesionista catalá
Na súa mensaxe con motivo do Día de Galicia, o presidente afea que "ningunha solución a un conflito é boa se agudiza a división".
"Os galegos somos o mellor modelo para os galegos", di Feijóo.
O presidente da Xunta reivindica a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia "para actuar sen menoscabar a unidade esencial do país" con motivo da celebración do 25 de xullo, Día de Galicia.
"A pregunta esencial que hai que facerse neste 25 de xullo non é se Galicia ten problemas, que os ten, senón se conta con ferramentas para facerlles fronte. A resposta é que si", destaca Feijóo nun artigo titulado 'Galicia, un bo modelo' remitido aos medios de comunicación con motivo do Día de Galicia.
Neste sentido, incide o mandatario autonómico en que "a Galicia do século XXI forma parte dun dos estados máis poderosos e respectados do mundo, dotado dunha estrutura autonómica que garante os dereitos dos cidadáns e os pobos que o compoñen". "Galicia é España. Galicia tamén é Europa, e participa con dereitos e deberes na realización dunha das ideas máis grandiosas da historia", abunda.
Núñez Feijóo considera que "lonxe quedan as épocas nas que Galicia tiña que inspirarse en modelos alleos para imaxinar o seu futuro". "Hoxe o pobo galego marca o seu rumbo, determina as súas prioridades e define as regras de convivencia", expón.
"Os galegos somos o mellor modelo para os galegos", considera Feijóo no seu artigo con motivo do Día de Galicia, no que precisa que a "sabedoría que atesoura" a xente da comunidade "é suficiente para impulsar o país sen traumas e con certezas".
Por iso, considera o presidente autonómico que "acerta" o pobo galego "cando ve na España democrática a mellor garantía das liberdades galegas". "Acerta cando non identifica pluralidade con conflito permanente, nin a necesaria rebeldía con destrución, nin a innovación con menosprezo á tradición. Acerta, en suma, cando non renuncia a ser como é", sentencia o presidente galego.
"VENTOS DESFAVORABLES"
No seu artigo, o mandatario autonómico comenta que "a Galicia mariñeira sabe que ningún vento é favorable para quen non sabe onde ir". "Estamos a ver exemplos de comunidades e estados que, debido a decisións irreflexivas dos seus dirixentes, se empeñan en buscar ventos desfavorables que están desarborando a súa cohesión social", afirma.
Respecto diso, apostila que "Galicia ten vento favorable e sabe onde ir". "A experiencia democrática que o noso país ten acumulada, indica que ningunha solución a un conflito é boa se agudiza a división, se acentúa as tensións sociais, se rompe pontes en lugar de tendelas", esgrime Núñez Feijóo.
"A Galicia. Con Galicia. Por Galicia. En Galicia. Agora e sempre. Bo Día de Galicia!", conclúe o titular do Goberno galego o seu artigo con motivo do 25 de xullo.
Escribe o teu comentario