O PP adianta o 25 de xullo e proclama o seu galeguismo na terra de Fraga
Tellado reivindica o PPdeG como "o partido que máis se parece a Galicia", ante o busto do ex presidente en Vilalba.
A comitiva do PPdeG deixou flores ante o busto de Fraga.
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participou este venres, acompañado por outros dirixentes do partido, nunha ofrenda floral que, con motivo do Día de Galicia, os populares realizaron ante o busto do falecido ex presidente Manuel Fraga, en Vilalba, localidade natal do fundador da formación popular.
Nun acto no que Núñez Feijóo non puido participar por motivos persoais, Tellado reivindicou que, para o PPdeG, "Galicia é a resposta a todas as preguntas".
"Os nosos predecesores inculcáronnos que os nosos esforzos sempre deben centrarse en mellorar a nosa terra e servir os nosos veciños", remarcou o secretario xeral dos populares, nun acto no que tamén protestaron un grupo de veciños das Pontes en contra da reorganización de centros educativos, que afecta a un colexio desta localidade.
Tellado reivindicou o galeguismo como "o trazo ideolóxico diferencial" do PPdeG e definiuno como "a reivindicación dunha terra que ten a capacidade de ser próspera, de producir por si mesma e de adaptarse como calquera aos novos tempos" fronte a quen o entende como "a reivindicación dun país que se reprega sobre si mesmo".
"O PARTIDO QUE MÁIS SE PARECE A GALICIA"
Na súa intervención, identificou ao PPdeG como "o partido que máis se parece a Galicia" e contrapuxo a súa filosofía coa de quen "se di nacionalistas" e "os que din que son 'a xente do común'", en alusión ás mareas, porque entende que "non queren parecerse a Galicia", senón que "Galicia se pareza a eles".
Tellado estivo acompañado da presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia; o portavoz no Parlamento, Pedro Puy; o presidente de Novas Xeracións, Diego Gago; e o alcalde, Agustín Baamonde.
Escribe o teu comentario