As celebracións do 25 de xullo, rodeadas dun "extraordinario" dispositivo de seguridade
O despregamento de policía adquirirá "unha especial dimensión na cidade de Santiago de Compostela" para evitar posibles "incidentes".
Despregamento especial nas celebracións do 25 de xullo.
O Corpo Nacional de Policía, coma noutros anos, despregará, con motivo dos eventos festivos do 25 de xullo, Día de Galicia e Festividade de Santiago Apóstolo, un "dispositivo extraordinario" de seguridade que, singularmente, terá "unha especial dimensión na cidade de Santiago de Compostela ao obxecto de poder garantir o normal desenvolvemento dos distintos actos".
Así o informou a Delegación do Goberno en Galicia, que matizou que, "por razóns de eficacia e seguridade non é posible especificar o número exacto de efectivos". Con todo, explicou que os efectivos ordinarios da Comisaría Local de Santiago de Compostela "están a ser convenientemente reforzados con efectivos especializados da Xefatura Superior de Policía de Galicia".
En cocreto, apunta que participan Unidades de Intervención Policial (UIPs), Servizo de medios aéreos, Unidades de Prevención e Reacción (UPRs), Brigada Móbil, TEDAX-NRBQ, GOES, Guías Caninos, Unidades de subsolo e Cabalería.
A Delegación apuntou, así mesmo, que "están establecidas canles de coordinación e comunicación entre todos os axentes de seguridade de todos os corpos implicados", como son a Garda Civil, Policía Local de Santiago, Protección Civil, Unidade Adscrita á Xunta de Galicia, bombeiros e outros.
No que se refire ao dispositivo específico da cidade de Santiago de Compostela, terá como obxectivo principal "garantir o normal desenvolvemento dos distintos actos programados", subliña a Delegación, que sitúa as súas "grandes liñas de xestión operativa" na "prevención delincuencial, en xeral; o mantemento da orde pública e a adecuada canalización das aglomeracións de persoas".
Respecto diso, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, manifestou a Europa Press que "este ano o Corpo Nacional de Policía ten previsto un amplo dispositivo para garantir a seguridade na celebración das festas do Apóstolo".
Villanueva lembrou que se trata dun dispositivo "que xa comezou a desenvolverse desde principios de xullo e que intensificará para os días grandes do 24 e 25 de xullo".
"MOI PREPARADO"
"É un dispositivo moi preparado, similar ao que se despregou o ano pasado, no que non houbo que lamentar incidentes. Quero lembrar que os axentes despregados na cidade son tanto aqueles que son visibles como os que non van uniformados", abundou.
Neste sentido, recalcou que "o obxectivo é celebrar estes días como o que son: unha festa". "Lembrar aos asistentes aos lumes da noite do 24 que non estará permitido o acceso de mochilas en zonas de moita afluencia como pode ser a praza do Obradoiro ou a Alameda", apuntou.
Escribe o teu comentario