Caxade arrinca en Bueu a tempada da Rede Galega de Música ao Vivo
Durará ata finais de decembro e conta cunha programación de 111 concertos repartidos por 31 salas de 20 localidades galegas.
Portada de 'E isto é o amor', de Caxade.
A tempada da Rede Galega de Música ao Vivo, un dos circuítos de exhibición de espectáculos que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, arrinca cun directo do grupo Caxade, este martes ás 22,00 horas na Sala Aturuxo de Bueu (Pontevedra).
O ciclo musical, que durará ata finais de decembro, conta cunha programación de 111 concertos repartidos por 31 salas de 20 localidades da xeografía galega. A iniciativa pretende "contribuír á estabilidade na programación das salas galegas de música en directo", segundo apuntou a Xunta nun comunicado.
Esta semana comeza con catro citas musicais. Así, tamén Eladio y los Seres Queridos actuará o xoves 20 na Vantaxe de Laxe (A Coruña); farao tamén ese mesmo día Alfredo García Quintet a ritmo de jazz, no Garufa Club da Coruña. Mentres, o venres 21 será a quenda de Los Mecánicos, cun recital titulado 'Grandes éxitos de los 60', no Pub Gatos de Melide (A Coruña).
Ademais, a Xunta ten en marcha outros circuítos de espectáculo como 'Cultura no Camiño', que se desenvolve ata o 30 de setembro nas localidades das rutas xacobeas, e 'Danza 3', que achega o baile e a música tradicional galega a 12 concellos.
Escribe o teu comentario