Máis de 100 empresas interésanse polos novos contratos do transporte
Adxudicaranse 41 paquetes de liñas de autobuses. Entre hoxe e mañá retómanse as negociacións nas catro provincias.
Os convenios colectivos negócianse en cada provincia.
Máis de 100 empresas do transporte de viaxeiros por estrada mostraron por agora interese en facerse con contratos da primeira fase do plan de reordenación do mapa de autobuses que a Xunta prevé que estea operativa a partir de agosto.
A preguntas dos xornalistas en rolda de prensa este luns en Santiago, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, valorou este "gran número" de compañías interesadas nalgún dos 41 contratos para máis de 570 liñas de bus que a Xunta tramita por un procedemento extraordinario tras a renuncia por parte das firmas que tiñan ata agora as adxudicacións.
Vázquez sinalou a este mércores porque é a data na que acaba o prazo para presentar ofertas e destacou que será ese día cando se coñeza a situación a partir da cal a administración deberá resolver. Por agora, segundo incidiu, o interese é "importante" por parte do sector.
REUNIÓNS PROVINCIAIS
Este luns, por outra banda, empresarios e sindicatos retoman as negociacións sobre os convenios provinciais, con reunións previstas pola mañá no caso de Ourense e pola tarde na Coruña.
Xa este martes será a quenda de Pontevedra á primeira hora e Lugo, pola tarde. Do resultado destes encontros dependerá o desenvolvemento da mesa autonómica o mércores, na que as centrais determinarán se manteñen a suspensión da folga.
Escribe o teu comentario