Hugo Mallo non quere marcar os obxectivos a estas alturas da pretemporada
"Xogamos Europa League o ano pasado e gustaríanos volver canto antes", recoñece o capitán celeste.
Hugo Mallo aspira a volver competir en Europa.
O capitán celeste mostrouse ambicioso en canto aos obxectivos da presente campaña para o Celta, que aspira a volver xogar a Europa League nalgún momento, aínda que rexeita colocalo como meta inmediata.
"Xogamos competición europea o ano pasado e gustaríanos volver canto antes. Somos ambiciosos, pero a día de hoxe non temos ningún obxectivo marcado. Iremos partido a partido e a competición será a que nos dirá a que podemos aspirar", declarou Hugo Mallo.
Estes primeiros días serviron para que os xogadores vaian sabendo que é o que busca o novo adestrador. "O ano pasado defendiamos con marcaxe ao home e estamos a cambiar iso. É difícil porque levabamos tres anos xogando deste xeito e o equipo xa está afeito a este sistema. Pero ben, aos poucos", desvelou.
Hugo Mallo xa coincidiu con Unzué na etapa de Luis Enrique, pero observa unha evolución na súa forma de traballar. "Vexo ao míster quizais con máis apromo. Vén dun equipo coma o Barcelona e isto nótase no día a día, nas tarefas que facemos no campo pero sobre todo en como che explica e corrixe os exercicios".
Escribe o teu comentario