As protestas do metal esténdense á provincia de Pontevedra
Os traballadores volveron saír á rúa en Ferrol, A Coruña e Santiago na cuarta xornada de folga, con seguimento "masivo".
Manifestación na cuarta xornada de folga do metal.
Traballadores do metal volveron saír á rúa este mércores en Ferrol, A Coruña e Santiago, en tres manifestacións que tiveron lugar na cuarta xornada de folga do sector na provincia.
Desta forma, os traballadores pretenden presionar á patronal na negociación para renovar o convenio colectivo, que leva sen actualizarse desde 2014.
En Ferrol, a manifestación foi masiva e os sindicatos cifraron nunhas 4.000 persoas as que participaron na mobilización que percorreu a Estrada de Castela, a Avenida das Pías e A Gándara.
O persoal principal de Navantia secundou a protesta e ás 10,30 horas saíu do estaleiro ferrolán para reunirse na Praza de España á manifestación convocada polos sindicatos e que arrincou ás 11,00 horas.
Case tres horas despois, os representantes sindicais interviron nun breve acto no mesmo punto de saída da marcha.
Desde a CIG, Vicente Vidal, afirmou que algúns piquetes non participaron na manifestación porque permaneceron de retén nas portas de Megasa e de Navantia, xa que "a patronal presiona para vulnerar o dereito de folga dos traballadores".
SECUNDAR OS DÍAS DE PARO
O representante sindical asegurou que a patronal está "moi molesta" e cada día "máis presionada" polas mobilizacións dos traballadores aínda que cifren "á baixa" o seguimento da folga.
Vidal animou a secundar os tres días de paro previstos para os xoves de xullo asegurando que "temos que volver participar coma hoxe".
Pola súa banda, Ramón Ramos (UXT) agradeceu o apoio do persoal principal de Navantia Ferrol nesta convocatoria e apuntou que os traballadores están a loitar por "recuperar dereitos que xa tiñan".
UNIDADE DE ACCIÓN
Así mesmo, chamou á unidade de acción e ao traballo conxunto para lograr avances na negociación daqueles apartados nos que aínda non se evolucionou.
Ao termo das intervencións, Víctor Ledo, de CC.OO., comentou que o piquete continúa durante toda a xornada e valorou moi positivamente o seguimento da folga e a participación na manifestación.
PONTEVEDRA ÚNESE ÁS PROTESTAS
A falta de avances na negociación do convenio do metal na provincia de Pontevedra (que afecta a unhas 30.000 persoas) empuxou aos sindicatos para seguir a senda das centrais da provincia da Coruña e a iniciar un calendario de protestas.
Así, este mércores houbo concentracións convocadas por CIG, CC.OO. e UXT en Vigo e Pontevedra, tras meses de reunións "sen avances" en cuestións significativas, como o incremento salarial ou a regularización das chamadas 'empresas multiservicios'.
Ramón Vidal, secretario intercomarcal de UXT en Pontevedra e Arousa, explicou que "se trae o conflito para a provincia de Pontevedra" porque é un convenio que se leva negociando moitos meses "e está a ir polo mesmo camiño" que o da Coruña. "Temos que unirnos para que a negociación vaia adiante", apuntou.
Ao seu xuízo, a reforma laboral é a "culpable" do "desequilibrio" existente nas mesas de negociación entre a patronal e os traballadores, que "fai imposible atopar puntos de acordo", xa que "a patronal séntese forte".
ESTENDER A MOBILIZACIÓN
Pola súa banda, Marcos Conde, secretario comarcal de CIG en Pontevedra, explicou que están a tratar "de que conflúan as mobilizacións porque esa é a única forma de que os traballadores poidan recuperar poder adquisitivo e melloras laborais". "Teremos que alimentar a mobilización social", insistiu Marcos Conde, convencido de que "cando hai mobilizacións conséguense avances".
Finalmente, o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, lembrou que "o único que piden é un salario digno" nun sector que tivo un incremento do 1,8% na facturación. "Agora mesmo estamos máis preto do que estabamos hai unha semana de alcanzar un acordo", concluíu Piñeiro.
Escribe o teu comentario